Un ano máis con motivo da Xornada Mundial polo Traballo Decente, que se celebra o día 7 de outubro, a iniciativa Diocesana “Igrexa polo Traballo Decente” fai un chamamento a toda a sociedade a implicarse na loita por un traballo digno. Sendo este un elemento fundamental na construción dunha sociedade máis xusta e humana, onde as persoas sexan máis importantes que a economía.
Non podemos esperar, urxe un cambio no modelo produtivo onde o dereito ó traballo digno sexa unha realidade. Un sistema novo onde non haxa máis vítimas da precariedade ou da falta de traballo. Non necesitamos saír da nosa contorna máis próxima para atoparnos con vítimas destas situacións inxustas, persoas concretas que sofren traballo indigno, desempregados, empregadas de fogar, persoal de hostalería, peóns agrícolas, falsos autónomos… Situacións que expresan a orientación mercantilista e deshumanizadora do traballo.
«O desemprego xuvenil, a informalidade e a falta de dereitos laborais non son inevitables, son resultado dunha previa opción social, dun sistema económico que pon os beneficios por encima da persoa», di o Papa Francisco.
Ademais coa situación pandémica que estamos a atravesar estas situacións víronse agravadas. A Covid trouxo consigo unha maior inestabilidade laboral e en consecuencia un debilitamento do dereito ó traballo. Estamos a falar dun aumento do desemprego, o subempleo e a inactividade o que levou a perda de ingresos dos traballadores e das empresas, especialmente nos sectores máis afectados, no que se produciron peches e quebras, principalmente de pequenas e medianas empresas. Pero, especialmente está sendo dura a situación que están a vivir a poboación migrante en situación administrativa irregular, onde o desemprego e a economía informal son maioritarios, sen posibilidade de acceso o sistema de protección. Como por exemplo Kalima, nome ficticio, que despois de dous anos traballando sen contrato como coidadora interna, sen descanso, a familia decidiu prescindir dos seus servizos motivado pola situación excepcional producida pola Covid. Quedando totalmente desprotexida.
Juan Somavía, exdirector xeral da Organización Internacional do Traballo, recórdanos que “Os migrantes representan un capital para cada país ao que levan o seu traballo. Démoslles a dignidade que se merecen como seres humanos e o respecto que se merecen como traballadores.”
O dereito a traballar constitúe un dereito fundamental para alcanzar unha vida digna. Garante a supervivencia do individuo e da súa familia, ademais contribúe, sempre que o traballo sexa libremente escollido e aceptado, ao desenvolvemento integral da persoa e ao seu recoñecemento no seo da comunidade.
Como pobo non nos podemos permitir deixar a ninguén atrás. Hoxe máis que nunca todos e todas debemos comprometernos na defensa do traballo decente.
“Implicarse neste tema da loita por un traballo humano digno – di Antón Negro, delegado de Cáritas diocesana de Lugo, Antón Negro- é unha obriga ineludible de conciencia para todo cidadán e, se cabe aínda con maior esixencia, tanto para toda autoridade pública coma para toda persoa con responsabilidades na sociedade”
“Agora máis que nunca traballo Decente”. Iniciativa Diocesana –Igrexa polo Traballo Decente-
Jorge Yáñez Devesa
Coordinador Programa de Empleo
Cáritas Diocesana de Lugo