Antón Negro | sacerdote e sociologo

A VOLTAS CO TEMPO

enero 24, 2026 · 22:21 X

Moitos consideran que os mitos son un feito do pasado da humanidade, que non teñen cabida nestes “tempos”, pero non é así pois os mitos son realidades actuais e non me refiro só a persoeiros de gran transcendencia pública, porque o pensamento mítico é unha forma de coñecemento, de comunicación e de enfrontar esa realidade que chamamos “tempo”.

Ás veces pregunto cando comeza o ano e a resposta común é o 1 de xaneiro. Tamén responden así os estudantes, pero para eles o ano (curso) comeza en setembro e remata en xullo. O mesmo sucede para os xogadores dos deportes populares coma o fútbol, baloncesto… mentres que para pilotos, atletas, tenistas… comeza en xaneiro. Para os romanos o ano comezaba en marzo e remataba en febreiro, de aí que o sétimo, octavo, noveno e décimo mes sexan setembro, outubro, novembro e decembro. Aos que eran quinto e sexto mes dous emperadores cambiáronlles de nome e engadíronlle un día que quitaron ao último mes, que quedou en  28, e así promoveron o chamado culto á personalidade; dedúcese que eran Xulio César e Octavio Augusto. Para os xudeus o ano comeza na primavera co mes de Nisán e o día 14 (lúa chea) celebran a Pascua como vemos no libro do Éxodo cap. 12, versículos 1 ao 11.

Se lle preguntamos polo comezo do ano a un musulmán devoto responderá que comeza co mes de Muharram, que non ten correspondencia exacta con ningún dos nosos meses, pois o seu calendario consta de 12 meses lunares e, por tanto, o seu ano dura uns 354 ou 355 días (cada 33 anos musulmáns correspóndese con 32 gregorianos). Así o seu famoso mes do Ramadán, o noveno, vai rotando pouco a pouco polas diversas estacións solares.

Hoxe o mundo ten na base un calendario cristián. O ano empeza no inicio do inverno e dura unha volta completa da terra arredor do sol, que son 365 días, 5 horas 48 minutos e 45,10 segundos. Por iso hai anos bisestos de 366 días. É o calendario gregoriano (do Papa Gregorio XIII) que reformou o xuliano (de Xulio César) para adaptalo ao equinocio astronómico por levar xa este un desfase de 10 días, segundo calculou a Universidade de Salamanca por petición papal. Do xuliano xoves 4 de outubro de 1582 pasouse ao gregoriano venres 15 de outubro de 1582. Así Santa Tareixa de Xesús morreu o 4 de outubro e enterrárona o día seguinte, que foi o 15 do mesmo mes e ano.

O ano, en vez dunha volta completa arredor do sol, podería ir de equinocio a equinocio ou de solsticio a solsticio, de máxima cercanía a máxima cercanía ou de máximo afastamento a máximo afastamento. Unha volta completa arredor do sol varía dos 88 días en Mercurio aos 60266 (165 anos) en Neptuno… segundo o que dura un día na terra, pero o que dura unha volta sobre si mesmo é diferente en cada planeta.

Hoxe a vida das sociedades está marcada polo reloxio mecánico. Un invento dos monxes bieitos no século X para organizar o tempo coa conciencia de que a vida é para Deus (Pai) e as persoas (irmáns) segundo a máxima de Ora et Labora. De servir ao Señor e á comunidade, o artefacto foi dexenerando para servir ao capital coa máxima de time is money…. É interesante ler o que escribe sobre isto o estadounidense Jeremy Rifkin no libro El sueño europeo (Paidós 2004. p. 139 a 149).

Ao que cumpre 30 anos acostumo dicirlle “benvido á cuarta década da túa vida”. Este respóndeme que é a terceira a que comeza e hai que aclararlle que a década dos 0 aos 10 anos tamén a viviu. Se ao que chega aos 60 lle dis “benvido á sétima década” é fácil que case lle dea un infarto.

Se me preguntan cantos anos teño, respondo que non sei. Si sei os que gastei, pero non os que me quedan e que seguirei gastando ata que sexa o meu “pasamento”. Gástase sen saber se xa están esgotados como ilustra o libro máis sabio, o evanxeo. Temos o exemplo do home que tivo unha gran colleita e se lle acabou a vida sen prepararse para render contas dela (Lc. 12, 16-21). Os anos que acostumamos dicir que temos xa non existen, gastáronse, e deles só podemos sacar ensinanzas e gardar recordos para non tropezar dúas veces na mesma pedra.

Máis que pasar os anos, somos nós os que “pasamos” pola vida cara ao “pasamento” á morada definitiva, na que se nos fará e faremos a avaliación de se humanizamos ou puxemos o corazón nas cousas materiais que xa non nos acompañarán. Voltando ao libro sabio: “Pois de que lle serve ao home gañar o mundo enteiro, se el se perde ou arruína?” (Lc. 9, 25).

Antón Negro

sacerdote e sociologo