ANTÓN NEGRO EXPÓSITO | SACERDOTE E SOCIÓLOGO

REFLEXIÓNS SOBRE A NÓMINA

octubre 27, 2025 · 18:57 X

Comezo cun problema de matemáticas no que cadaquén pode completar os datos que falten co seu coñecemento da realidade. É un exercicio interesante para estudantes de nivel superior, colectivos profesionais, profesores… que serviría para un posterior diálogo e análise social. Cos datos actuais aproximados dunha xestión de nóminas nun contrato indefinido formulo o problema:

Pepiño da Reviravolta cobra 1500€ líquidos de nómina, pero a eles hai que engadir o que anualmentelle reteñen de IRPF 4597 e de Seguridade Social 1736. A cota empresarial anual dos diversos capítulos da seguridade social suma 8592 €. Pregunta: Cal é o salario real dunha hora de traballo de Pepiño?

Anótanse as respostas nun encerado e comézase o diálogo no que se tratarían cuestións como:

1ª. Considerouse a cota empresarial como parte do salario real ou non? Debe ser parte do salario, pois págase por cada traballador contratado e vai para financiar os gastos médicos e hospitalarios, diversos servizos… Que esa cota na actualidade non figure na nómina como salario do traballador leva a que unha ministra dixera: “o diñeiro público non é de ninguén”. Ademais favorece que administren o diñeiro dos cidadáns ao seu antollo e mesmo que a algúns cidadáns lles pareza que os gobernantes “crean o diñeiro”. Somos os cidadáns os que lles pagamos o soldo e o diñeiro que administran é do pobo traballador.

2ª. Se sumamos aos impostos que están contabilizados na nómina o que pagan os empresarios, non incluído na nómina como retribución do traballador, veríamos que a carga tributaria é maior. No problema inicial o que cobra líquido o traballador sería 21000 € e os impostos totais 14925. Pero ao custo anual do posto de traballo hai que sumar conceptos como amortización do edificio, enerxía, máquinas e instrumentos, impostos á empresa, prevención de riscos, mutuas…

Ademais sobre o ingreso líquido está o IVE: normal 21 %, reducido 10 %, superreducido 4 % e encertos casos o 0 %. Vén ser unha media, ao menos, do 10 %, o que rebaixa o líquido antes citado a 18900 e os impostos soben a 16925. Ademais hai impostos directos coma o IBI, o da circulación, aos carburantes (en algún máis do 50 % do prezo)… Pódese afirmar quea metade ou máis do salario real vaia impostos?

3ª. Cantas horas de traballo se contabilizaron? 40 semanais ou as dos colectivos que teñen menos por convenio? Tívose en conta que hai un mes de vacacións? Sumáronse 14 pagas (dúas extras) e non 12? Descontáronse os 14días festivos non laborais? Hai convenios que recoñecen o dereito a días libres para asuntos propios, para atender a familiares enfermos… As estatísticas de España din que un empregado traballa cercade 1700 horas de media ao ano e na OCDE sobre 1800, que tamén se puideron tomar como medida para resolver o problema.

Non avalío se estes impostos son xustos ou non. O obxectivo é ser conscientes de que o diñeiro que manexan os gobernantes é da sociedade, do pobo, e por iso é relevante saber canto se paga realmente. Os gobernantes non crean diñeiro, senón que administran ben, regular, mal ou mesmo moi mal o pagado nos impostos. Fai tempo comentoume un especialista técnico que o nomearan asesor do asesor, xa que a este nomeárano só para que tivera un soldo. Cantos asesores dos nomeados son para colocar a membros do partido ou colegas? O diñeiro da sociedade non se pode malgastar ou usalo para dividirnos e embrutecernos. Non se pode ignorar que a CORRUPCIÓN, a MALVERSACIÓN e o TRÁFICO DE INFLUENCIAS son eticamente moi graves… o que termina sendo quitarlle a riqueza aos pobres para dárllela aos que non se debe.

Canta sabedoría teñen estas palabras de Xesús no evanxeo!: “Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos”(Marcos 10, 42-43).

Precisamos que a conciencia social medre para coñecer mellor a realidade social. Hai que aumentar o compromiso político para que a riqueza sirva realmente ao ben común e non a intereses particulares ou xerais, aínda que sexan de maiorías pero que atentan contra os pobres e/ou o resto da humanidade. Canta transparencia falta nestas cuestións! Canta xustiza se necesita!

Antón Negro Expósito

Sacerdote e sociólogo