O Cardeal Prevost inspirado polo Espírito elixiu o nome de León para o seu pontificado, que utilizaron xa 13 papas antes. Ante este feito fago as reflexións que seguen:
O gran santo Francisco de Asís tiña a frei León como colaborador máis achegado. Por iso non está fóra de lugar lembrar a estreita colaboración do novo Papa co Papa Francisco, que o nomeou Bispo de Chiclayo (Perú), levouno a Roma para dirixir o Dicasterio dos bispos e fíxoo Cardeal.
O nome lémbrame o feito histórico do Papa León Magno e Atila, rei dos hunos, no ano 452. Dicíase que onde pisaba o cabalo de Atila non medraba a herba, evocando a Atila que arrasaba e saqueaba de camiño a Roma. Sáelle ao encontro León Magno vestido de pontifical para persuadilo a cambiar de postura, como recolle o cadro de Rafael Sanzio. As palabras de León XIV na praza de S. Pedro de “unha paz desarmada e unha paz desarmante” coa apelación ao diálogo sintonizan con ese feito. O novo Papa no seu primeiro saúdo ao pobo usou 10 veces a palabra paz.
Esas referencias á paz úrxennos a un compromiso ante as guerras da actualidade. A UE manda duplicar ou triplicar o gasto militar e ter un kit de supervivencia para a guerra. O Diario de Cádiz (8-V-25) informa que o Estado Español ten para adestrar soldados ucraínos un campamento rodeado por un muro e arames con concertinas na serra de El Retín (Barbate, Cádiz). Iso é un campo de concentración! Unha barbaridade inxustificable!
O Papa dixo que elixiu este nome na memoria de León XIII que afrontou a revolución industrial, e agora hai que afrontar a revolución tecnolóxico-dixital e o desenvolvemento da Intelixencia Artificial. De León XIII quero resaltar:
a) Os comentaristas non mencionan que León XIII (1878-1903) pedía con reiteración aos católicos franceses que aceptasen a República Liberal e tratasen que as súas leis e políticas fosen xustas, o que se coñece como “raillement”, postura diverxente do “non expedit” de Pío IX (1846-1878) que prohibía aos católicos italianos participar na vida política como electores e como elixibles.
b) A súa encíclica Rerum Novarum (1891) pon os dereitos dos obreiros no primeiro plano da pastoral eclesial. O novo papa León XIV é natural de Chicago, onde debeu resoar especialmente a encíclica porque nesta cidade tivo orixe o primeiro de maio en 1886 como día de loita polas 8 horas: 8 de traballo, 8 de descanso e 8 de educación. Hoxe esquecéronse as 8 de educación como pode verse polas reivindicacións e chats de sindicalistas, profesores e pais e nais de alumnos.
Esta encíclica hai que entendela dende a denuncia do capitalismo que “foi insensiblemente entregando aos obreiros, illados e indefensos, á inhumanidade dos empresarios e á desenfreada cobiza dos competidores (…) as relacións comerciais de toda índole están sometidas ao poder duns poucos, ata o punto de que un número sumamente reducido de opulentos e adiñeirados impuxeron pouco menos que o xugo da escravitude a unha multitude infinita de proletarios” (nº 1) e que fronte a iso levántase a solución socialista-marxista que “é unha medida tan inadecuada para resolver a contenda, que mesmo chega a perxudicar ás propias clases obreiras” (nº 2).
A actual revolución tecnolóxico-dixital e da Intelixencia Artificial, que supón un cambio de época, ten como consecuencia a concentración de riqueza, con explotación, marxinación e dominación sobre as persoas e pobos, polo que faise imprescindible defender e promover a liberdade e fraternidade das persoas na sociedade.
Que León XIV, nacido e formado en EE UU, utilizase só o italiano e o español e non o inglés na súa primeira alocución pública, é un signo relevante para os hispanoamericanos do seu país de orixe. Tamén é unha chamada á inculturación tan fundamental na vida dos misioneiros, que remite a Xesús que naceu dunha muller de Nazaret, falou arameo, celebrou as festas xudías, padeceu e foi crucificado baixo o poder do gobernador romano Poncio Pilato.
León XIV foi un migrante a Perú e a Italia, elixido no ano que a Igrexa celebra a 111 xornada mundial das migracións. Isto esixe un compromiso solidario con eles e León XIV chama a “unirnos todos para construír pontes de diálogo e encontro… porque Deus ama a todos incondicionalmente”.
Antón Negro Expósito
Sacerdote e sociólogo