Escribir sobre política é complicado porque prima o emocional sobre o racional e custa moito que as persoas se poñan en disposición de razoar e aprender. Neste caso, pasados uns 10 anos desta papeleta electoral e como o da foto xa non concorre a eleccións, penso que se dan as condicións axeitadas para analizar e aprender con ese feito.
Lembro que naquel intre comentaba con amigos sobre a papeleta: “como lle consenten os compañeiros da lista e os membros do partido que o logo da candidatura sexa o seu rostro? Saben o que iso significa democrática e politicamente?” Espero que agora, esquecendo a persoa concreta, nos centremos no que o feito ensina e deixemos a un lado ao cabeza de cartel.
A primeira ensinanza é que a organización é unha persoa. Non aparece partido, estrutura, institución, ideas ou obxectivos sociais compartidos. No fondo vén dicirnos: todo o poder para o líder, el é a cara da lista electoral para os votantes chamados a confiar nel e non en todos os demais.
No referente ao nome da lista electoral, Podemos, vemos que é un verbo en plural que ten tres sílabas, PO-DE-MOS, que ven a ser a tradución de tres monosílabos, YES, WE CAN (si, nós podemos), o slogan que levou a Obama á presidencia dos Estados Unidos de América. Nisto non mostran moita creatividade ao recorrer a unha probada estratexia publicitaria. Por iso falaba de “asaltar os ceos” para el e os seus “camaradas”. Non se percibe un compromiso solidario transformador da sociedade. Si, é verdade que da súa actividade previa se pode aprender bastante sobre como formalizar unha candidatura e moito de marketin electoral, que non son obxecto desta reflexión.
Os membros da candidatura, tamén profesores da Facultade de Políticas na Universidade Complutense, fóronse da formación pouco a pouco acusando ao da foto de autoritario, o que como se dixo antes, era o que se expresaba na configuración da papeleta. Eles, profesores de política, deberían descubrilo de principio.
En democracia non se necesitan xefes autoritarios nin “salvapatrias”, senón servidores públicos dos cidadáns aos que deben tratar como xefes e non como súbditos. A desconfianza ante o autoritarismo estaba na maioría dos membros da Asociación Internacional de Traballadores que nun manifesto de 1872 afirmaba: “É mester que non fiemos a ningunha clase, a ningún partido, a ningún poder a obra da nosa emancipación”. No preámbulo dos seus estatutos xa constaba que “a emancipación dos traballadores debe ser obra dos traballadores mesmos” e que a loita social non era para “constituír novos privilexios senón a establecer para todos os mesmos dereitos e os mesmos deberes”. Esta liña do socialismo libertario foi maioritaria fronte á do socialismo autoritario polo menos ata a guerra civil de 1936
O socialismo libertario coa súa tradición autoxestionaria está nas antípodas desta papeleta. Está claro que, se “a democracia é o goberno do pobo, polo pobo e para o pobo”, isto concorda coa autoxestión que non permite autoritarismos nin despotismos ilustrados que asoballen aos cidadáns.
As ensinanzas da Igrexa non son a favor de xefes autoritarios, senón de promoción do pobo e das persoas e establéceo no principio de subsidiariedade que xa formulou con claridade Pío XI na Quadragesimo Anno n. 79: “Como non se pode quitar aos individuos e darllo á comunidade o que eles poden realizar co seu propio esforzo e industria, así tampouco é xusto, constituíndo un grave perxuizo e perturbación da recta orde, quitar ás comunidades menores e inferiores o que elas poden facer e proporcionar e dárllelo a unha sociedade maior e máis elevada, xa que toda acción da sociedade, pola súa propia forza e natureza, debe prestar axuda aos membros do corpo social, pero non destruílos e absorbelos”, que vén dicir que o que poida afrontar unha persoa ou un grupo inferior non o debe solventar un grupo superior ou un goberno.
Josep Borrell, con varios cargos de peso nos diversos gobernos do PSOE e na Comisión Europea, recoñeceu a eficiencia do principio de subsidiariedade cando en Sevilla (27-X-99) afirmou: “Hai vías máis directas de acción nas parroquias que nas casas do pobo do PSOE”. Co seu currículo non se pode dicir que Borrell sexa un ignorante.
Antón Negro Expósito
Sacerdote e sociólogo
Opina sobre esta entrada: