Brais Cela Álvarez | Historiador da Arte

Vilar de Donas: 800 anos de historia viva

agosto 4, 2024 · 9:56 X

Estos días a parroquia de Vilar de Donas en Palas de Rey celebra as festas na honra de San Salvador, titular da súa igrexa. Na xornada de onte, a misa estuvo presidida polo bispo da diocese, Alfonso Carrasco Rouco. Fronte a súa apariencia sinxela, a coñecida igrexa parroquial ofrece ó visitante unha rica variedade de matices.

Este espazo permite observar como ningún outro como unha linguaxe con un marcado carácter internacional, a do románico, adquire un cálido acento propio nas terras lucenses. Un percorrido atento polo recinto permite descubrir unha reveladora inscripción na súa porta sur: 15 de outubro de 1224. No cumprimento do seu oitavo centenario queremos destacar aquí esta efeméride. Un tempo, ademais, que deu a luz a mentes tan preclaras coma a de santo Tomás de Aquino e no que os studia composteláns estaban á vangarda no estudo das principais teorías científicas que comezan a emerxer neste momento.

En canto á fábrica de Vilar de Donas, esta ofrece un magnífico exemplo do tipo de intercambios culturais que se producen no seo do Camiño de Santiago. Trátase dun espazo cun pasado vinculado á orde santiaguista e os quefaceres propios da vida monástica, testemuña nos séculos recentes do laborioso e sosegado ritmo da súa comunidade parroquial.

Situado ó pé do Camiño Francés, este lugar terminou por converterse nun desvio recurrente para numerosos peregrinos e visitantes. Entre os seus elementos artísticos cabe destacar a singular efixie dun dos seus “artífices prácticos”, testemuña privilexiada deste tráfico de viaxeiros, o cal nos recibe acompañado das súas ferramentas de traballo e disposto a mostrar con orgullo a súa obra. Sen embargo, este pretende reivindicar unha particular adhesión cunha cadea de artistas vinculados ó Pórtico do Paraíso e que ten como referente último a xenial figura do Mestre Mateo. Deste modo, por medio dunha sinxela asociación visual, o noso autor toma prestados algúns modelos de clara inspiración mateana, se ben realizadas dun xeito un tanto esquemático. Só así se pode explicar a presenza do anxo que porta o cuarto lunar ou a dobre disposición de escenas presentes nos capiteis historiados.

O retrato do descoñecido artista constitúe un elemento de gran singularidade dentro do románico galego, ó tempo que forma parte dun dos numerosos atractivos que ofrece este espazo de Vilar de Donas. Entre os máis salientables compre destacar elementos de tanto valor artístico e patrimonial coma as orixinais ferraxes da porta principal, as espléndidas pinturas góticas da cabeceira, o baldaquino e o frontal pétreo ou o magnífico retablo barroco dedicado ó Salvador, así como outras pezas de carácter funerario custodiadas no interior. En definitiva, unha xoia do noso patrimonio diocesano lucense que sempre é bo volver a visitar. Unha igrexa na honra de Cristo Salvador que pon de manifesto que a fe cristiá xerou e segue a xerar obras de gran beleza nas nosas parroquias.

Brais Cela Álvarez

Historiador da Arte

FOTO: GOOGLE STREET VIEW