O pasado 11 de novembro presentouse no Seminario de Lugo un libro dedicado a figura do sacerdote e investigador D. Nicandro Ares, falecido no ano 2017. D. Nicandro foi profesor de moitas xeracións de curas da nosa Diocese. Recordo perfectamente as súas clases de Filosofía e Grego en 3º de BUP e COU. Pero era coñecido no mundo da cultura, sobre todo polos seus traballos de toponimia nos que foi estudando os nomes de lugares de moitos concellos de Galicia.
Nos últimos anos da súa vida tiven a ocasión de coñecer o seu lado máis humano e sacerdotal. Todo comezou porque se lle estragara o ordenador, e para comprar un novo tiña medo de non aprender a manexalo, pois el aprendera a traballar co Word Perfect 5.1 baixo MS-DOS e agora todo era moi distinto co Windows. Por aquelas, eu tiña un ordenador vello xa “aparcado” e que se adaptaba perfectamente ó que el precisaba, polo que, unha vez que souben do asunto, ofrecinllo inmediatamente.
Despois do episodio do ordenador viñeron algúns encontros mais no meu despacho do bispado, a onde me viña visitar de vez en cando.
A última vez que veu por alí xa tiña moitos problemas de vista. Estívome contando no que consistía a súa enfermidade e que non había cura para ela. Como eu lle insistía en se non habería posibilidade de ir a outro médico e a ver se se podía facer algo, el rematou a conversa cun cunhas palabras que me deixaron impactado ata o día de hoxe: “Para fora xa mirei moitos anos, agora é o tempo de mirar para dentro”.
O seu argumento non necesita explicación. Creo que todos o entendemos perfectamente. É a historia dun home agradecido polos anos de vida que Deus lle deu e que seguía agradecido por poder preparar o seu final “mirando para dentro”.
O último encontro xa foi na residencia sacerdotal. Un día, despois de comer, subín a velo a súa habitación. Estaba xa encamado e, ademais de non ver, tampouco podía falar por mor dunha traqueotomía que lle tiveran que facer. Recoñeceu a miña voz ó momento. Eu faleille e el respondía con acenos e tamén escribindo nun pequeno encerado que tiña para o caso. Como aquela última vez que o vira no bispado, estaba agradecido a vida, a Deus e, agora tamén, as coidadoras da residencia. Nin unha soa queixa saíu dos seus beizos, mellor dito do seu encerado, que manexaba cunha soltura asombrosa a pesar da case nula visión que tiña.
Quizás, despois de tantos anos da longa historia da humanidade, con todos os seus avances do último tempo, creo que chegou o tempo de volver a mirada cara o noso interior, algo que, posiblemente, tiñamos un pouco esquecido.
É tal o activismo no que estamos metidos, que non nos queda tempo para o importante e acudir ó máis fondo da nosa conciencia, e alí poder atoparnos con quen de verdade debera ser o seu único morador: Deus, no noso Señor.
Por suposto que non foi Deus quen enviou o Corona virus, pero tivo que pasar isto para que nos deramos conta de que non estabamos preparados para aguantar o insoportable ruído do silencio e da soidade.
O noso interior “está a monte”, cheo de cousas inútiles que foron quedando aí despois de ver que tampouco nos daban a felicidade. É o tempo de mirar para dentro, de poñer en orde a nosa alma e facerlle un sitio ó único que é capaz de darlle un sentido pleno a toda a nosa vida.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco de A Fonsagrada.
Opina sobre esta entrada: