Non sei como comezar isto… Non son persoa de compartir por escrito as miñas vivencias e sentimentos… Éme máis doado facelo cara a cara, e aínda hai poucos días que falei cun bo amigo dunha experiencia persoal que me produce desacougo…
Falo de perdoar. Talvez o de “perdoo, pero non esquezo” soe mal; mais… se son sincera, teño que recoñecer que este é o sentimento que me domina despois dunha traizón, ou dunha decepción intensa. Ás veces doulle voltas e intento explicarme a min mesma o por que eu vivo isto desta maneira, pois intúo que non é a máis sana… E sempre acabo caendo na mesma resposta: a ferida cura, pero deixa cicatriz. Quizais racionalmente entenda que non debería ser así. E admiro as persoas que o viven dunha maneira máis xenerosa. Pero a min cústame tanto perdoar incondicionalmente… Mesmo me teño sentido culpable de ser así… Confío en que compartir isto con outras persoas me axude a mellorar… Porque, realmente, isto é o que desexo: mellorar.
Certamente, cando unha persoa a quen aprecio ou quero, me traizoa (e falo de traizón, de algo que me doia de verdade, non de simplezas), e logo me pide perdón, si que son capaz de perdoar, non me custa; pero… xa nada volve ser igual con esa persoa… Queda como un pouso, coma unha sombra que impide que esa amizade poida brillar coa mesma intensidade… E esa persoa non volve recuperar o mesmo lugar que tiña na miña vida, no meu corazón; ou, polo menos, non do mesmo xeito.
É isto un perdón a medias? Son unha persoa rancorosa? Eu creo que non, que, realmente, perdoo. E desaparece en min a dor polo dano causado; e, por suposto, non busco vinganza nin nada parecido polo que me fixeran. E cando vexo a esa persoa que me foi, digamos, desleal, non lle fago comentarios que lle poidan facer dano, nin sinto odio, nin outro tipo de sentimentos negativos cara a ela. Pero si que sinto que perdeu matices, que perdeu “brillo” esa amizade.
O caso é que eu… perdoar, perdoo. E cando o fago, sinto que me libero da dor e da pena causadas. Pero isto lévame a outra dúbida: perdoo por egoísmo, polo meu propio benestar e por sentirme ben comigo mesma?
Uf… que difícil me resulta perdoar de maneira incondicional! Confío en que o Señor (e tamén vós) poida concederme o seu perdón por estas reflexións e me axude a perdoar como él nos ensinou.
O camiño da misericordia so se pode facer seguindo os pasos de Xesús. Pero desto escribirei noutra ocasión.
Y.V.
Foto. Cathopic.com
Opina sobre esta entrada:
You must be logged in to post a comment.