A resposta a este interrogante non a dou desde a Teoloxía, nin desde a Espiritualidade, a Biblia, a Liturxia ou a Pastoral, senón desde a Socioloxía, que é unha perspectiva interesante para reflexionar sobre este interrogante. Cando oio dicir a alguén que é Cristián sen Igrexa entendo que esa afirmación ten pouco sentido desde a mirada sociolóxica, como se pode concluír das consideracións que farei a continuación. Outra cuestión son os sentimentos que unha persoa teña e as opinións que manifeste ante esta institución ou outras institucións da vida social.
Para comezar non podemos ignorar o feito de que o ser humano, ademais de precisar ser enxendrado no seo materno durante aproximadamente 9 meses, necesita ser enxendrado socialmente durante anos en diversas institucións sociais para que poida subsistir (tarda moito en conseguir o alimento por si mesmo), e logo irá logrando cotas de autonomía persoal. Sen ese longo período de socialización e educación non adquiriría a linguaxe e a cultura que lle permiten vivir coma un ser humano. Nese tempo e despois vive en diversas institucións empezando pola máis achegada á persoa e común ós diversos pobos, que é a familia.
Se a institución familiar falla ten que ser substituída por outras que non son mellores cá familia cando esta é como debe ser. Isto pode verse cando se escoita ós rapaces que están en centros de acollida de menores ou ós que viven nunha familia desestructurada. Certamente que se a familia se degrada ou desaparece, hai mellores opcións.
Tendo isto en conta habería que revisar a responsabilidade que temos se non contribuímos a que a familia sexa como debe ser, esa institución próxima e segura para toda persoa, na que se é acollido por ser persoa e non polo que se ten.
A familia é a institución á medida humana para un neno que nace, pero tamén o neno e a familia precisan doutras institucións como son as educativas e culturais, empresas económicas, concellos, sindicatos, equipos deportivos e asociacións… institucións relixiosas ou Igrexas.
A vida humana sen institucións non sería posible e desaparecería, pois somos seres sociais que viven en institucións e gracias a elas. Na prehistoria abondaría coa familia, o clan, a tribo… pero hoxe precisamos de moitas máis institucións, que fan posible a vida humana en sociedades científico-técnicas avanzadas. Na vida as institucións pequenas soen controlar, en xeral, máis ás persoas cás grandes.
Se as institucións son necesarias para a pervivencia da vida humana, hai que concluír que iso tamén afecta á dimensión relixiosa da persoa, que vai vivirse en institucións grandes, medianas e/ou pequenas. A Fe Cristiá sen Igrexa, sen institucións, desaparecería en pouco tempo. Dubido que durase un século.
Iso non quere dicir que as institucións, tamén as relixiosas, non poidan ser reformadas ou mesmo que necesiten con urxencia unha reforma en momentos concretos. As formas de organizar as institucións e de vivir nelas poden ser moi diversas, con máis ou menos liberdade e mobilidade internas. Tamén a persoa pode ocupar un lugar máis central ou periférico nas institucións, incluso pelexando esforzadamente contra elas, o que non deixa de ser unha forma de estar na institución.
Para rematar este comentario, recordo que o Cristianismo é unha relixión de ENCARNACIÓN no ser humano que existe coas súas institucións propias, por iso quero citar aquí o comezo do Evanxeo de Xoán (1,14): “A Palabra fíxose Carne e acampou entre Nós”, sobreenténdese que se fixo carne humana como a do ser humano concreto e histórico, tamén na súa dimensión de natureza institucional.
Antón Negro
Opina sobre esta entrada: