ANTÓN NEGRO EXPÓSITO | SACERDOTE E SOCIÓLOGO | DELEGADO DE CÁRITAS LUGO

Vida privada

abril 22, 2023 · 18:13 0

Na política europea continental non se lle dá importancia á vida privada dos políticos, pois enténdese que o importante é a súa vida e moral públicas, mentres que no mundo anglosaxón si se preocupan moito máis da súa vida privada, xa que pensan que se un político non lle é fiel á súa esposa ou esposo, menos fiel lles vai ser aos cidadáns.

Hoxe en día, os medios de comunicación e os actores políticos indúcennos a que  desconfiemos das persoas e que si sexamos totalmente crédulos na Administración do Estado. É dicir: sé infiel co teu compañeiro/a sentimental sen ningún problema, máis non se che ocorra intentar enganar o Estado e a súa facenda. Ante eles serás totalmente veraz e transparente.

Na última semana seguro que escoitamos varias veces a mensaxe de que o teu esposo/a, noivo/a, amigo/a non pode ver as conversas ou datos do teu teléfono. Sen embargo, a administración do Estado pode ter esa e máis información sobre nós por diversos medios, e non digamos as multinacionais, como podemos comprobar pola publicidade personalizada que nos chega continuamente.

A consecuencia desa desconfianza na familia e amigos tradúcese en máis individualismo e menos asociacionismo, o que lles facilita un dominio moito máis cómodo aos diversos poderes, xa que as persoas perden capacidade para opoñerse aos abusos dos poderosos, porque lles falta o respaldo dunha ampla rede solidaria que si proporciona o armazón asociativo. Por iso, os poderosos promoven unha cultura individualista, así como as subvencionadas redes clientelares.

Hai unha esixencia crecente para pagar polo banco, tarxeta ou medios dixitais. As facturas de máis de 1000 € é obrigatorio pagalas polo banco (delito pagalas en efectivo). Deste xeito a banca e a administración do Estado saben canto ingresas, gastas e en que. O obxectivo é a desaparición do diñeiro en efectivo e que quede só o dixital, co que coñecen os teus gustos, a onde vas e que consumes. Teñen coñecementos abondo para manipularte e comprarte.

Calquera medio informativo xa afirma que se gardas certo diñeiro en efectivo es sospeitoso de delincuencia, é “diñeiro negro”. Isto supón que pagar en efectivo faite persoa sospeitosa, non de fiar, ignorante, anticuada, delincuente…

Observemos que se pagas cun billete de 50 € un servizo e os que o reciben seguen pagando en efectivo, dentro de 50 transaccións segue habendo 50 € nas mans dos cidadáns, pero se eses pagos se fan con tarxeta só quedarían arredor de 25 € nas persoas e o resto estará nos bancos…

Esa defensa da credulidade e fidelidade ao Estado ten un nome, Estadolatría, que vén sendo Idolatría. Pero o Estado está para servir aos cidadáns, á sociedade, non para renderlle culto e asumir as súas disposicións como se fosen vontade divina.

Non esquezamos que, xeralmente, se gravan os xuízos, declaracións ante a policía, reclamacións por teléfono, algunhas terapias psicolóxicas… As institucións de servizos sociais teñen que recoller e arquivar moitos datos das persoas atendidas para ter xustificacións ante a administración do Estado e as inspeccións. Hai obriga de ter os datos debidamente custodiados… e á disposición do Estado.

Para iniciar calquera actividade institucional hai que achegar moitos datos á administración do Estado, que xa ten as pegadas dactilares de todos, varios arquivos de perfís xenéticos e do iris dos ollos. Seguen sendo proféticas e certas estas palabras da Apocalipse (13, 15-17): “Concedéuselle á segunda besta poder infundir espírito na imaxe da primeira, para facela falar e para que fixese que todos os que non adorasen a imaxe da besta fosen asasinados. A todos, grandes e pequenos, ricos e pobres, libres e servos, ponlles unha marca na man dereita ou na testa, e ninguén pode mercar ou vender, se non ten a marca, o nome da besta ou número do seu nome

Menos mal que no ámbito da vida cristiá non se anota quen vai á Misa e a súa periodicidade, se comunga e, por suposto, non se rexistra quen confesa nin que confesa. Aínda queda algún lugar onde se respecta a privacidade das persoas e a intimidade da conciencia de cadaquén. Que as persoas opten por ser transparentes está ben, pero respectar a conciencia de cada cidadán e irmán é unha obriga para todos.

Antón Negro Exp´ósito

Sacerdote e sociólogo

Delegado de Cáritas Lugo

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]