ANTÓN NEGRO EXPÓSITO | SACERDOTE E SOCIÓLOGO

A Cruz dos naufraxios

mayo 13, 2022 · 17:33 X

Galicia está no extremo occidental do Imperio Romano, e este na súa lexislación tiña establecida como pena de morte a crucifixión para os que non fosen cidadáns romanos, de xeito que servise de escarmento e escarnio público e ademais a agonía ía acontecer nun período de tempo máis ben longo. As cruces eran situadas nun lugar visible, ben fose nunha vía de comunicación o nun pequeno monte na beira da cidade.

No extremo oriental do Imperio Romano foi condenado á morte na cruz Xesús o Nazareno. Dende entón a cruz é fundamentalmente un signo de consolo para o que sofre, pois nela percíbese a solidariedade do Deus de Xesús connosco, e tamén o apoio dos que queren ser os seguidores de Xesucristo continuando a súa misión co alento do seu Espírito.

Estes días está na parroquia de S. Francisco Xavier de Lugo a CRUZ DE LAMPEDUSA, vinculada á Cruz de Xesucristo, que leva consigo moitos xestos e experiencias importantes de sufrimento para os cidadáns de hoxe, para que non apartemos a mirada dos que sofren hoxe e nos comprometamos coa súa liberación.

A Cruz de Lampedusa debe o seu nome a unha pequena illa, Lampedusa, situada ao sur de Italia, preto de Libia, que vén sendo a principal porta de entrada a Europa para moitos migrantes. A primeira viaxe apostólica do Papa Francisco, o 8 de xullo de 2013, foi a Lampedusa a pouco máis de tres meses do comezo do seu pontificado. Uns días antes naufragara un barco con refuxiados no que  morreron 349. Calcúlase que preto de 20.000 persoas  pereceron no mar entre Libia e Italia nos últimos 20 anos, e que a illa estase convertendo a miúdo nun gran campo de refuxiados. O Papa celebrou a Santa Misa nun altar construído sobre un caiuco naufragado, e ante o mar Mediterráneo, que leva camiño de ser un gran cemiterio de migrantes, o Papa denunciou: “Onde está o teu irmán? Quen é o responsable deste sangue? Ninguén! Todos responden igual: non fun eu, eu non teño nada que ver… caemos na globalización da indiferenza”.

A cruz foi construída polo artista Franco Tuccio aproveitando as táboas dos barcos naufragados na illa. O 9 de abril de 2014 o Papa recibiuna como agasallo da fundación italiana Casa dello Spiritu e delle Arti, unha entidade de Milán que traballa en favor dos pobres, e ao bendicila dixo: “Non podemos seguir vivindo anestesiados ante a dor allea. Leven a todas partes a Cruz de Lampedusa como símbolo, para achegar e non esquecer o drama e a realidade dos inmigrantes…”. Dende entón a fundación puxo en marcha a Viaxe da Cruz de Lampedusa por diversos lugares para promover a solidariedade e a paz, e combater a globalización da indiferenza.

Estes días son momentos oportunos para facer ante a cruz unha pequena parada no camiño das nosas vidas, revisar como está sendo o noso camiñar persoal e social, e logo volver ao camiño con actitudes anovadas e forzas novas. Este deterse debe facernos ser conscientes entre outras cousas de:

-As realidades de grave sufrimento seguen presentes nas nosas sociedades e non podemos apartalas do noso camiñar pola vida. Prescindir dos que están sufrindo sería deshumanizarnos.

-Os inmigrantes e refuxiados existen, non só os de Ucraína. A maioría deles sofren moitas penalidades de todo tipo, e son membros da única humanidade existente!

-Ter que saír da propia terra por fame, miseria, explotación, violencia ou persecución de calquera tipo é un atentado contra os dereitos humanos.

-A solidariedade cos empobrecidos e perseguidos é unha obriga para toda persoa que queira ter un mínimo de responsabilidade, que queira ser persoa. Por iso con razón no Código Penal aparece o delito de DENEGACIÓN DE AUXILIO, e pode aplicarse con xustiza se non axudamos aos que están en perigo.

-Nas nosas sociedades estamos consentido que se lle dea máis valor ao capital ca ás persoas e os seus dereitos, os cartos son antes que os seres humanos, o que é unha grave inxustiza.

-Fálase do dereito a divertirse das persoas e dos mozos pero, aparece ese dereito nalgunha declaración dos Dereitos Humanos? O que si aparece é o dereito a ser atendido cando alguén se atope necesitado, e todos teremos a obriga de dar resposta a ese dereito dun irmán.

-Xa hai países que externalizan aos solicitantes de asilo a outros países máis pobres, mentres se tramita o seu permiso de entrada ou o seu rexeitamento. Parécenos isto humano e xusto?

Moitas máis reflexións, preguntas e compromisos de vida nos poden xurdir ante a Cruz de Lampedusa. Non perdamos esta oportunidade!

Antón Negro Expósito

Sacerdote e sociólogo