Orixinal publicado en O Tío Pepe. Ano I. Fonsagrada 1913

A festa do enterro

septiembre 7, 2021 · 12:30 0

Un dos máis comúns e ruíns costumes das nosas aldeas, ao mesmo tempo un dos que máis aldraxan o noso bo nome, é o que se fai nos enterros conventéndoos en festas.

Nas sagradas carballeiras e nas tebras da noite, os nosos avós sacrificaban, para as divindades druídicas, a vida dos nosos semellantes e unha muller virxe, sagrada para eles, baixo a dirección do fero ministro dunha cruel relixión, enriba da medorenta ofrenda, faláballe ao pobo celta das cousas que habían de oír.

Hoxe, vinte séculos despois da chegada de Cristo ao mundo, cópianse nos enterros da nosa terra os bárbaros costumes daqueles pasados tempos, e na presenza dos ministros da súa doce e humana relixión falamos tamén un fato de homes e mulleres, que nada temos de santos nin de virxes, non do que ha de vir senón do que pasou, non deixándolle ao morto nin á súa xente pelo que non lle abalemos. Certo que ao morto lévao Deus cando dispón e quere, pero os que imos ao enterro, na nosa cobiza de facer como naqueles tempos, xa que non o podemos matar, collemos á súa xente e non a deixamos vivir nin descansar; e ata o consolo das bágoas lle negamos. Non deixa esta de ter tamén culpa, xa que lle semella un insulto que moitos aos que, coma a min, se lles pon na boca do butelo o que se fai, nos enterros non queiramos ir de boa vontade nada máis ca á igrexa.

Vou contar o que vin nun, e digo por adiantado que nada invento nin de ninguén murmuro; e se alguén se pica, que non coma allos e que faga xeito de axudar a que desaparezan os malos costumes.

Saín da miña vila con tempo para chegar á do defunto antes de que o sacaran da casa. Preto dela atopei cun veciño que levaba todo o gando grande e miúdo como se fixera falta ir vendelo á feira para pagar o enterro; e quedei cavilando se ese costume sería un recordo daqueles tempos e vilas en que se xulgaba que as almas dos mortos se abeiraban nos corpos dos animais ou se en ferventes cristiáns cabería coidar que os despoxos dunha vida, os ósos dun morto, coma conxuros dunha bruxa, traerían enfermidades, doenzas, desgrazas, mortes, etc. sobre a súa herdanza. Vin nun pendello, na eira, o pelello dun xato esfolado de había pouco . Chegaban naquel mesmo tempo dúas ou tres mulleres con cestas cheas de pratos, fontes e outras cousas que facían falla, xa que as moitas que había na casa non abondaban. Para dicirlle á ama da casa canto me apoucaba a morte do defunto tiven que ila atopar á cociña, no medio de seis ou sete mulleres: unhas chamuscaban e rascaban lacóns, xamóns e touciño, outras limpaban chourizos e morcillas; as de aquí daban voltas á carne do xato que en tallos moi grandes cocían e guisaban, as de alá pelaban patacas. Preguntei polo amo e tamén se ocupaba de encher un pelello de viño que había de ir co xantar para xunto a igrexa. Un dos rapaces máis vellos coidaba das bestas duns ladróns, que ben poderían levalas a outro sitio ou coidar eles delas. Un criado saíu para a igrexa cunha cesta chea de pantrigos, libras de chocolate, botellas de viño branco e augardente e doces para os cregos, e para outros moitos galopíns que, coa protección, un de que fai de sepultureiro, outro de que leva a cera dunha confraría, este de que foi axudar a levar o morto, aquel (e son os máis) de que non vai máis que a encherse, non deixan nin faragulla. Hai ou non semellanza entre isto e o que facían naquelas vilas nas que mataban á muller e aos criados do morto, e con moita comida para unha viaxe tan longa, os enterraban con el?

Ao saír o defunto cantáronlle responsos, para os que fomos dando cartos todos os que alí estabamos e cantos atopamos polo camiño (recollíaos nun bonete un crego novo que miraba máis para eles do que atendía ao canto) ata chegar á igrexa. Pousárono diante da porta e a xente repartiuse polo adro e polos arredores en montóns, nos que todos falaban do morto sen que ninguén se lembrase de rezarlle pola alma: houbo quen falou dos moitos eidos que deixara, quen dixo que quedaran moitas débedas, un dixo que unha filla que tiña era moi amiga dos rapaces, outro asegurou que cartos quedaran pero que arramplara con eles o fillo máis vello.

Preguntei por que non comezaba o enterro e dixeron que os cregos viñan sempre tarde para os grandes e aínda non se xuntaran bastantes. Vin chegar un coñecido e metinlle a besta na casa máis preta para que fora axiña para a igrexa. Tamén aquí había festa e andaban coma croios os pantrigos, o queixo e as copas de augardente. Logo chegaron outro fatado deles, moi ben montados moitos, sobre todo un nunha mula boa e de fala agarimosa, el que mesmo semellaba un frade, pero con botas de montar e esporóns de metal branco que semellaban de prata. Comezou o enterro de seguida, pero como era tan tarde houbo que apuralo todo, para que a Misa de honras fose dita a tempo, a non ser unhas cousas que lendo nun libro cantaba un crego só, como se fora Tamaguo ou Gayarre. Na Misa fómoslle bicar a estola, no ofertorio, ao que a dicía; e dar uns cartos que recollía nunha bandexa o mesmo que o facía antes no bonete. Mentres durou a función, volveron repenicar na honra do morto os que quedaron na porta da igrexa, sen deixarlle sequera rebulir nas costuras da camisa. Varios cregos entraron e saíron da sancristía. Uns carpinteiros fixeron, con táboas, unha mesa longa, que cubriron, os criados da casa, con manteis brancos, pratos, vasos e xerras de viño. Despois da misa, volta a cantar responsos, máis rápido ca antes, ata que se lle botou a última terra enriba ao defunto; e logo, á táboa todos ata que non quedou sitio desocupado, non sen que houbese algo de barullo por quen tiña que estar na cabeceira.

Comiamos coa mesma fame que se estiveramos cavando ou mallando, e o viño corría coma se fora auga ou estiveramos segando ou na forxa dun ferreiro. As vodas de Camacho ou as de Einibó semellarían tépedas en comparanza con tal enterro. De primeiro ninguén falaba, pero axiña que Xan do Ribeiro desatou as linguas murmurouse de todo, ata quixeron liarse algúns. Outros foron repartir, a cantos folgazáns, preguiceiros e mal ensinados había en todo o contorno, uns centos de reais de esmola, que estaban mellor empregados en verdadeiros pobres, que case sempre hai xunta das portas, e que non a piden porque lles dá vergoña, pero deste xeito non había a fachenda de dicir: no enterro de Xan deuse máis esmola ca no de Pedro.

Ao cabo, un crego vello ergueuse e rezou uns responsos, pero non acabou a festa cando acabou el. Uns cantos lampantíns puxéronse a tirarlle da orella a Xurxo e seguiron bebendo ata a noite; e outros fóronse para as casas, falando polo camiño de canto malo puidera haber na historia do morto e da súa xente, ata non sei que xeración: que se deran ben ou mal de xantar, se o viño andara a cuncas ou a vasiños pequenos e se era castelán ou do país, se o café estaba fervendo ou frío coma a neve.

Isto é un enterro? Cantos queredes que nos xuntemos de boa fe para acabar con estas larpeiradas? Eu non teño inconveniente en ir cun fungueiro axudar a desfacer unha delas, aínda que lles pese aos que queren que se garden todos os costumes vellos, por noxosos que sexan, como é este.

1ª Parte: Louro de Saá en O Tío Pepe. Ano I. Fonsagrada 15 de febreiro de 1913. Visita número 2. Páx. 2 e 3

2ª Parte: Louro de Saá en O Tío Pepe. Ano I. Fonsagrada 5 de marzo de 1913. Visita número 3. Páx. 2.

-Transcrición feita por Motserrat López Vázquez (profesora de Galego no Colexio Diocesano San Lorenzo) e Miguel Ángel Álvarez Pérez.

-Foto de Manuel Fernández (Fotografía Manuel) facilitada por Daniel do Pando. Gravación dunha escena da película Tierra de Fuego en Cereixido-A Fonsagrada, na que se recreaba un funeral dos de antes, e na que o seu avó Federico facía o papel de cura.

 

Texto orixinal:

A festa d’enterro

Unha d’as mais comuns e ruis costumes d’as nosas aldeas, o mesmo tempo qu’ una d’as mais aldraxosas pr’o noso bon nome, he o que se fai n’os enterros convertind’os en festas.

N’os sagrados carballales en n’as tenébras d’a noite nosos abós sacrificabanse as divinidades druídicas a vida d’os nosos semellantes e unha muller virxen, sagrada pr’ eles, baixo a direucion d’o fero menistro d’ unha croel relixión, riba d’a amedrentosa ofrenda, falaba o pobo celta d’as cousas e’ habían de oir.

Hoxe, veinte sigros despois de vid’o mundo Cristo, copeanse n’os enterros d’a nosa terra as bárbaras costumes d’ aqueles pasados tempos, e n’a presencia d’os menistros d’a sua doce e humana relixión falamos tamén un fato d’ homes e mulleres, que nada temos de santos nin de virxes, non d’o qu’ hade vir, sinon d’o que pasou non deixandolle o morto e a sua xente pelo que non ll’abalemos; certo c’o morto levó Dios cando dispon e quere; pr’os que vamos o enterr, n’a nosa cobiza de facer coma n’aqueles tempos, xa que non-o podemos matar, collemos a sua xente e non’a deixamos vivir, nin descansar, e hastra’o consolo d’as bagoas lle negamos; non deixa esta de ter tamén culpa xa que lle semella un insulto que moitos que, coma min, se lles pon n’a boca d’o butelo o que se fai, non queiramos ir de boa voluntade mais c’airexa n’os enterros.

Vou contar o que vin n’unh, e digo por adiantado que nada invento, nin a nadie marmuro, e s’alguen se pica que non coma allos, ou que faga xeito d’axudar a que desaparecian as malas costumes.

Sain d’o meu pobo con tempo para chegar o d’o defunto diante c’o  sacaran d’a casa. Preto d’ela topei c’unh veciño que levaba tod’o gando grande e meudo como si ficera falla ir a feira a vendelo para pagar-o enterro, e quedei cavilando s’esa costume sería un recordo d’aqueles tempos e pobos en que xuzgaba c’as yalmas d’os mortos s’aveiraban n’os corpos d’os animás, ou s’en ferventes cristianos cavería coidar c’os despoxos d’unha vida, os hosos d’unh morto, coma conxuros d’unha bruxa, traguerían enfermedás, doencias, desgraceas, mortes, etc., sobre a súa herdencia. Vin n’unh pendello, n’aira, o pelexo d’unh xato d’habia pouco esfolado chegaban n’aquel mesmo tempo dúas ou tres mulleres con cestas cheas de pratos, fontes e outras cousas que facían falla, xa c’as  moitas e’habia n’a casa non abondaban. Para decirlle a ama d’a casa canto m’apoucaba a morte d’o defunto tiven qu’ila atopar a cociña n’o medio de seis ou sete mulleres: unhas chamuscaban e rascaban lacós, xamós e touciño, outras limpaban chourizos e morcillas, as d’eiquí daban voltas a carne d’o xato qu’en taños moi grandes cocían e estofaban, as d’aló pelaban patacas; preguntei po-l-o amo e tamen s’acupaba d’encher un pelexo de viño c’había d’ir c’o xantar para xunt’airexa; unh d’os rapaces mais vellos coidaba d’as bestas d’unhos galafates que ben poideran leva-l-as a’utro sitio ou coidar iles d’elas; unh criado saiu pr’airexa c’unha cesta chea de pantrigos, libras de chiculate, botellas de viño branco e augardente e duces pr’os cregos que viñan con Misa e pr’outros moitos galopis que, c’adargo, unh de que fai de sepultureiro, outro de que leva cera d’unha hermandá, iste de que foi axudar a leva-l-o morto, aquil (e son’os mais) de que non vai mais qu’encherse, non deixan nin faragulla. ¿Hay ou non semellanza entre esto e o que facían n’aqueles pobos en que mataban a muller y os criados d’o morto e con moita comida, para viaxe tan largo, os enterraban co-él?

O sair o defunto cantaronlle risponsos pr’os que fumos dando cartos todos os c’alí estabamos e cantos atopamos po-l-o camiño (recollíaos n’unh bonete un crego novo que miraba mais pr’eles c’atendía o canto) hastra chegar’airexa; pousaron’o diante d’a porta e-a xente repartiuse  po-l-o  adrio e po-l-os arredores en montos, nós que todos falaban dó morto sin que nadie se leembrase de rezarlle po-l-a yalma; houbo quen falóu dós moitos eidos que deixara, quen dixo que quedaran moitas deudas, unh cúnha filla que tiña era moi amiga dós rapaces, outro asegurou que cartos que quedaran pro c’arramplara co-eles o fillo mais vello.

Louro de Saá en O Tío Pepe. Ano I. Fonsagrada 15 de febreiro de 1913. Visita númaro 2. Páx. 2 e 3.

——–

Preguntei porque non comenzab’o enterro e dixeron c’os cregos viñan sempre tarde pr’os grandes e ainda non se xuntaran bastantes; vin chegar un conocido e mentille a besta n’a casa mais preta para que se fora axiña pr’a airexa: tamén eiquí había festa, e andaban coma croyos os pantrigos, o queixo e as copas d’augardente. Logo chegaron outro fatado d’eles moi ben montados moitos, sobre tod’unh n’unha mula boa e de fala agarimosa él que mesmo semellaba unh frade; pro con botas de montar y-espuelas de metal branco que semellean de prata. Comenzou o enterro deseguida, pro com’era tan tarde houbo c’apuralo todo, para c’a Misa d’honrras fose dita a tempo, a non ser unhas cousas que lendo n’unh libro cantaba un crego solo como se fora Tamaguo ou Gayarre. N’a Misa fúmoslle bicar a estola n’o afertorio o c’a decía e dar uns cartos que recollía núnha bandexa o mesmo c’o facía diantes n’o bonete; mentras durou a funceon volveron a repenicar n’a honra d’o morto os que quedaron n’a porta d’airexa sin deixarlle siquiera rebulir n’as costuras d’a camisa; varios cregos entraron e sairon n’a sacristía; unhos carpinteiros ficeron con taboas unha mesa longa, que cubriron con mantés brancos, pratos, vasos e xarras de viño os criados d’a casa. Dempois d’a misa volt’a cantar risponsos, de mais presa que denantes, hastra que se lle votou a últema terra enriba o defunto, e logo, a traba todos hastra que non quedou sitio desacupado, non sin c’houbese algo de barullo por quen tiña qu’estar n’a cabeceira.

Comíamos c’amesma fame que s’istiberamos cabando ou mallando, o viño corría coma se fora auga ou estiberamos segando ou n’a fragoa d’unh ferreiro. As bodas de Camacho ou as de d’Einibó semellarían tépadas en comparanza con tal enterro. De primeiro ninguen falaba pro asina que Xan d’o Ribeiro desatou as lingoas mamurouse de todo, hastra quixeron learse algúns; outros foron repartir a cantos folgazáns, priguiceiros e mal ensinados había en tod’o contorno unhos centos de reas de limosna, qu’estaban mellor empregados en verdadeiros probes que cuase sempre hay xunto d’as portas, e que non a piden porque lles da vergonza; pro d’este xeito non había a fachenda de decir: n’enterro de Xan deuse mais limosna que n’o de Pedro.

O cabo un crego vello irguiuse e rezou unhos risponsos; pro non acabou a festa cand’acabou él: unhos cantos lampantís puxeronse a tirarlle d’a orella a Xorxe e seguiron bebendo hastr’a noite e outros fóronse pr’as casas falando po-l-o camiño de canto malo poidera haber n’hestorea dó morto e d’a sua xente hastra non sei que xeneración; que si deran ben ou mal de xantar; s’o viño andivera a cuncas ou a vasiños pequenos e s’era castellano ou d’o pais; s’o café estaba fervendo ou frio com’a neve.

¿Iste he unh enterro? ¿Cantos queredes que nos xuntemos de boa fé pracabar co-estas larpeiradas? Eu non teño incominiente en ir c’unh fungueiro axudar a desfacer unha d’elas anque lles pes’os que queren que se garden todas as costumes vellas por noxosas que sean com’he esta.

Louro de Saá en O Tío Pepe. Ano I. Fonsagrada 5 de marzo de 1913. Visita númaro 3. Páx. 2.

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]