ANTÓN NEGRO EXPÓSITO | 30 DE MAIO DE 2021

Non che é o mesmo dous ca tres

mayo 29, 2021 · 22:02 0

As primeiras operacións matemáticas que nos aprenderon foron sumar e restar. Iso nos leva a pensar que 3 vén de sumar 1 a 2 e que se a 3 lle restamos 1 temos 2. No primeiro caso trátase dun incremento do 50 % e no segundo dunha baixada do 33,3 %. Pero cando pensamos na vida dos seres humanos iso non explica nada nin facilita entender a vida social.

Nos estudios sociolóxicos considérase que dúas persoas non forman un grupo propiamente dito, pero cando se suma unha terceira persoa xa se considera que iso empeza a ser un grupo. É lóxica esta diferencia, porque no paso da agrupación de dúas á de tres persoas dáse un salto cualitativo. Pero cando se pasa de tres a máis persoas o que se dá, sobre todo, é un paso cuantitativo nas “inter-relacións” sociais, como espero que se vexa ó final do escrito. Toda esta reflexión é aplicable loxicamente tamén á realidade dos irmáns.

No caso da xuntanza de dúas persoas, dous irmáns no seu caso, a “inter-relación” só pode ser basicamente de dous xeitos: levarse ben ou estar enfrontados entre si. Iso non nos pode levar a ignorar que tanto nunha vertente coma na outra hai diversos graos de intensidade, da máxima á ínfima ou irrelevante, que se poden especificar e medir por diversos procedementos, pero isto non vai ser obxecto desta reflexión.

Pero cando estamos na unión de tres persoas, tres irmáns, xa iso pasa a ser unha pequena sociedade onde aparecen tódalas posibilidades para as persoas nas relacións sociais. Certamente que se pode dar, como dixemos no caso anterior de dúas persoas, levarse ben ou mal entre os tres, pero tamén aparecen moitas outras posibilidades de “inter-relación” entre as que destaco:

  • Aparece a figura do árbitro ou intermediario entre os outros, para que poidan manter algún tipo de relación e vinculación entre os que non se levan ben. Isto leva a que un teña que aprender e a desenvolver as habilidades adecuadas á intermediación e ó diálogo.
  • Tamén se presenta a posibilidade de unirse a un ou ó outro membro do grupo, dándolle a razón e apoiándoo por diversas razóns como: porque ese é o máis feble ou o máis forte, porque se entende que ten a razón, porque lle convén a un mesmo por motivos moi espúreos e pouco confesables ou moi nobres e xustos, etc. Isto implica que haberá que sopesar e avaliar as propias decisións e os seus criterios con certa seriedade.
  • Pasar das outras dúas persoas e deixalas coas súas problemáticas para que non lles quede máis remedio que afrontar esa situación e tamén os diversos problemas da vida en sociedade, porque ademais entende que iso é o que necesitan para medrar, madurar e capacitarse para afrontar a vida humana.
  • Na situación de ser dous irmáns é moi xeral que sexan os pais os que afronten e resolvan os conflitos entre os fillos, mesmo que se sintan obrigados na súa conciencia, coa consecuencia de que estes se habitúan pouco a afrontar e resolver conflitos. Pero no caso de ser tres fillos con moita máis frecuencia os pais lles esixirán que se teñen que poñer de acordo entre eles, ben para saír a algún sitio, organizar unha tarefa, decidir un menú… ou para resolver un conflito existente máis ou menos importante, etc.
  • Aprender a conseguir aliados para a propia causa con diversas técnicas. Para iso teñen que desenvolver diferentes estratexias segundo a cuestión de que se trate, ou as características específicas das persoas. Teranse que desenvolver habilidades negociadores e de relación entre as persoas.
  • Tamén hai outra realidade moi importante a coñecer e aprender: aínda que se poñan de acordo as tres persoas ou irmáns non se pode levar adiante ese acordo, pois hai outra persoa, ou os pais, que din que non se vai facer o decidido pola maioría, polos tres. Na vida social hai que aprender que quen paga as consecuencias, quen é o responsable legal, ese é quen toma as decisións en última instancia, ben sexan os pais e titores, a dirección dun colexio ou dunha empresa…, o que na linguaxe xurídica se especifica en xeral como o responsable civil subsidiario.

É evidente que isto non impide para nada que se medre en corresponsabilidade e en autoxestión de xeito progresivo. Aínda máis, ese é o camiño lóxico para toda persoa que queira ser persoa adulta, é dicir, libre e responsable e, polo tanto, asumir e pagar as consecuencias das propias decisións.

Por iso o ser humano é social, comunitario e precisa dos outros. Temos unha natureza social e institucional. A vida cristiá non se entende sen os demais, os irmáns, e ademais fomos creados á imaxe e semellanza de Deus que é Trinitario, familia de tres persoas distintas e un único Deus.

Antón Negro Expósito

Sacerdote e sociólogo

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]