Por Manuel Cabada Castro. [Publicado en “Encrucillada. Revista galega de pensamento cristián”, nº 215 (novembro-decembro 2019) 77-91 (553-567)]

Dositeo López Pardo (1899-1934), un case descoñecido xesuíta fonsagradino mártir en China

enero 8, 2020 · 14:50 X

Ouvinlle falar por primeira vez hai algúns meses a Xosé María Pin Millares da existencia do xesuíta Dositeo López Pardo e quedei un tanto sorprendido da miña ignorancia sobre o tema. O que case máis me estrañou foi non atopar tampouco no Arquivo Histórico da Compañía de Xesús en Galicia -creado polo eminente historiador Evaristo Rivera Vázquez mentres residía no Colexio Apóstolo Santiago de Vigo- ningunha referencia a tal personaxe nunha carpeta, aínda que reducida, que el tiña dedicado a xesuítas nados en Galicia.

Foi así como comezaron as seguintes modestas pescudas sobre Dositeo López Pardo que, polos datos de que ata agora se dispón, foi capturado en China polas milicias comunistas e moi probabelmente asasinado posteriormente por eles cando cumpriría ou estaría para cumprir 35 anos.

Dito isto, limitareime a informar aquí brevemente ós lectores sobre os datos que –coa imprescindíbel axudade de diversos informantes[1]– acadei reunir sobre el, co fin de que a súa persoa non fique por máis tempo agachada nos esquecidos sotos da historia.

Dositeo naceu en Gulpilleiras, lugar da parroquia de Santa María de Piñeira, pertencente ó concello da Fonsagrada (provincia de Lugo).

En relación coa data do seu nacemento existen algunhas diferenzas entre as diversas informacións existentes. Vexamos.

Na relativamente recente obra Jesuitas españoles en China 1552-2014, editada por Roberto Villasante Meso, S.J. e Elías Cerezo Marinero, S.J. (Taipei, Inforchina, 2015), aparece consignada na páxina 68 como data do seu nacemento a do 4 de novembro de 1899, aínda que despois na páxina 349 desta mesma obra se di que naceu nese mesmo día e ano pero no mes de decembro. Neste sentido, as miñas consultas dos Catálogos anuais da Compañía de Xesús desde que Dositeo entrou na Orde dos xesuítas o día 3 de setembro de 1927 ata a súa morte confirmarían esta última data, ou sexa, a de que Dositeo naceu o 4 de decembro do ano 1899.

Porén, unha vez constatadas as diferenzas no que respecta ó mes do seu nacemento, solicitei información ó actual sacerdote encargado de atender, entre outras, a parroquia de Santa María de Piñeira (á que pertence o lugar de Gulpilleiras). A teor das súa resposta do 6 de novembro de 2018, non existe, polo que parece, anotación eclesiástica algunha sobre a súa data de nacemento, mais si sobre a do seu bautismo, que tería ocorrido no mencionado lugar de Gulpilleiras[2] o 6 de novembro de 1899. Se isto fose así, tal como consta na certificación en extracto da súa partida de bautismo, entón habería que concluír que a data do seu nacemento, 4 de decembro de 1899, que figura en tódolos Catálogos da Compañía de Xesús sería errónea.

Porén, a exactitude da data do seu nacemento o 4 de decembro de 1899 (tal como indican os Catálogos xesuíticos) resultou finalmente confirmada de maneira definitiva por unha copia, recentemente recibida[3], dun escrito autógrafo do propio Dositeo, con data do 3 de setembro do ano 1927 (o mesmo día da súa entrada na Compañía de Xesús) –todo el redactado en latín- no que se di: “natus sum die quarta Decembris anno 1899” [nacín o 4 de decembro do ano 1899].

Dositeo naceu, pois, no día seguinte á festividade de San Francisco Xabier, patrón das misións e firme modelo seguramente para el.

Figuran, polo demais, no extracto da partida de bautismo outros datos como os seguintes: Seus pais chamábanse Francisco-Sixto López Fernández (nado en Gulpilleiras) e mais María-Juana Pardo Díaz; esta nacera, en troques, no lugar de Outariz, da parroquia de Santalla, pertencente ó concello lucense de Ribeira de Piquín.

Os avós paternos de Dositeo foron José María Cándido López e María Fernández, naturais os dous de Gulpilleiras. Os seus avós maternos son estes: Francisco Pardo Figueroa e Ramona Díaz; ámbolos dous nados en Outariz.

Padriños do bautismo foron José Fernández (tío materno) e mais unha irmá de Dositeo chamada Jacoba.

Segundo o máis arriba comentado, Dositeo foi admitido na Compañía de Xesús o 3 de setembro de 1927. Un ingreso no Noviciado da Compañía en Salamanca (pertencente daquela á Provincia xesuítica de León) que resulta ser un tanto serodio para os usos da época, dado que Dositeo contaba xa por entón con case 28 anos de idade. Porén, isto ten a súa explicación se se atende ó feito de que con anterioridade ó ingreso na Orde dos xesuítas realizara xa Dositeo os estudos previos á ordenación sacerdotal e recibira tanto esta como as anteriores Ordes menores na mesma diocese de Lugo á que pertencía.

O propio Dositeo, no mesmo día en que entrou na Compañía de Xesús o día 3 de setembro de 1927, deixounos (no mencionado escrito en latín) unha moi breve síntese da súa vida e dos estudos realizados por el con anterioridade á súa entrada na Compañía. Dise efectivamente nela: “Pasei a miña vida na casa paterna ata os dez anos. Dediqueime ás letras humanas [humanioribus litteris] durante catro anos na localidade de Piñeira; e no Seminario de Lugo durante oito anos, a saber: tres de filosofía y cinco de teoloxía”.

O que aquí se di das “humanioribus litteris”, ás que se tería dedicado Dositeo en Piñeira antes de acceder ó Seminario diocesano, está seguramente en relación co que me comenta Xosé María Pin na súa información do 21 de Nadal de 2018 de que na parroquia de Piñeira “había unha pasantía na que o cura tiña unha especie de Academia, na que cursaban por libre Humanidades e se examinaban no Seminario Diocesano”, etc. Este sistema das pasantías e mesmo dos seminaristas externos, que ó parecer existía tamén noutros lugares próximos ademais de Piñeira, sería suprimido, segundo me comenta o mesmo Pin, polo bispo R. Balanzá y Navarro nos anos 1928-30.

Ante a ausencia de datos máis concretos que nos podería ofrecer o expediente de Dositeo, que o arquiveiro do Arquivo Diocesano de Lugo, D. Óscar González Murado, considera desaparecido, indico a continuación as datas das súas ordes sagradas, segundo as informacións recibidas de Eliseo A. Fernández Bamio, Auxiliar deste mesmo Arquivo Diocesano:

  • Prima Clerical Tonsura: 19/05/1920. Libro XII, Folio 133.
  • Ordes Menores: 14/12/1920, 19/02/1921, 12/03/1921 e 26/03/1921. Libro XII folios 135 – 183vto.
  • Subdiaconado: 11/03/1922. Libro XII, folio 143vto.
  • Diaconado: 10/06/1922. Libro XII, folio 146vto.
  • Presbiterado: 23/09/1922. Libro XII, folio 147vto.[4]

Trala súa ordenación sacerdotal o 23 de setembro de 1922[5], transcorrerán cinco anos ata a súa marcha a Salamanca, pasando deste modo do clero secular ó Noviciado xesuítico da Compañía de Xesús desta cidade[6]. Dositeo tomaría esa decisión mentres estreaba e realizaba durante estes anos a súa nova actividade sacerdotal.

Debo á amabilidade de Miguel Ángel Álvarez Pérez, sacerdote que atende na actualidade varias parroquias da Fonsagrada, a seguinte información sobre a actividade do seu predecesor (nado tamén coma el no mesmo concello da Fonsagrada) durante estes seus primeiros anos como sacerdote secular en lugares próximos ó seu lugar de nacemento: “Mirando no Libro de Bautismos vexo que Dositeo asina partidas de bautismo desde o 11-11-1923 ata o 15-6-1927, como coadxutor de San Xoán de Padrón e os seus anexos Santa María de Pacios e San Miguel da Bastida. O párroco era un irmán del, […] José María López Pardo. Nas devanditas partidas de bautismo asinan os dous”.

En relación con este seu irmán sacerdote, recibín recentemente dunha sobriña de Dositeo, de nome Pura (de 87 anos), por medio do xa mencionado Xosé María Pin, información sobre que Dositeo “formaba parte dunha familia numerosa” e de que entre os irmáns había “catro monxas das Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl, das que unha morreu de misioneira en Colombia”. Esta información sobre a numerosa familia de Dositeo vén completada por outra dun seu familiar (en carta dirixida a Roma, na que expresa o seu desexo de que se introduza a causa de beatificación de Dositeo), onde se indica en relación tamén con isto: “era una familia [a de Dositeo] compuesta por once miembros hermanos, dos sacerdotes, cuatro monjas, los varones José, Dositeo y Gervasio, este último también asesinado en su casa por verdugos de la misma ideología que los que asesinaron a Dositeo, y cuatro hermanas más dedicadas a sus labores”[7].

Un par de meses despois de rematada a actividade pastoral, que exercía conxuntamente co seu irmán párroco, Dositeo emprenderá, pois, unha nova e transcendental andaina cara a novas esixencias espirituais e apostólicas, que o levarán en poucos anos (desde comezos de setembro de 1927 ata finais de novembro de 1934), xa como xesuíta, desde Salamanca e posteriormente Bélxica cara a unha China en interno conflito político- militar, onde atopará a súa morte tras só algo máis de sete anos de abandonar a súa terra natal da Fonsagrada.

A súa biografía como membro da Compañía de Xesús pode ser seguida, esquematicamente alomenos, nos respectivos Catálogos anuais da provincia xesuítica de León. Tal como quedou xa indicado, Dositeo entrara no Noviciado de Salamanca o día 3 de setembro de 1927. O seu Mestre de Novizos foi o P. Rafael Garrido, que desempeñou este importante cargo durante quince anos desde o ano anterior á entrada de Dositeo ata o ano 1941.

Tralos preceptivos dous anos como novizo, Dositeo figura no Catálogo xesuítico do ano 1930 incardinado no curso 1º do denominado Xuniorado (dedicado principalmente a estudos humanísticos e clásicos) na mesma Casa de Salamanca. No Catálogo do ano seguinte, 1931, reside en cambio en Oña (Burgos) como alumno agora do 1º curso de Filosofía no Colexio Máximo dos xesuítas desta localidade (pertencente á Provincia xesuítica de Castela), atendendo ó tempo en determinadas ocasións á instrución relixiosa dos irmáns coadxutores xesuítas residentes nesa Casa. Como se ve, a formación académica xesuítica esixía normalmente un meirande afondamento nos temas filosóficos incluso a aqueles que, coma Dositeo nos seus estudos previos á ordenación sacerdotal, tiñan xa cursado temáticas semellantes.

Porén, os acontecementos políticos na España da época van condicionar seguidamente esta formación xesuítica de Dositeo.

Efectivamente, a proclamación da República o 14 de abril de 1931 afectará directamente non moito tempo despois a propia Compañía de Xesús, que en xaneiro do ano seguinte será disolvida no territorio español e os seus bens incautados. O decreto de disolución da Compañía de Xesús e de nacionalización dos seus bens publicouse na «Gaceta» do 24 de xaneiro de 1932. No prazo de dez días os xesuítas tiñan que poñer termo á súa vida en común, non lles sendo permitido conviviren nun mesmo domicilio nin de forma manifesta nin encuberta. En canto ós seus bens, pasaban a ser propiedade do Estado para fins benéficos ou docentes. En consecuencia, aínda que non se trataba propiamente dunha expulsión do país, os xesuítas en estado de formación e mailos seus formadores ou profesores víronse de feito obrigados a atopar fóra de España casas e lugares axeitados para continuaren coa súa formación.

Esta é a explicación de que no Catálogo xesuítico do ano 1932 figure Dositeo cursando o 3º ano de Filosofía na provincia xesuítica de Castela, mais realizando estes estudos, xunto con outros moitos condiscípulos, en Bélxica, concretamente no castelo de Marneffe, per Huccorgne. Dositeo continuará aquí atendendo tamén os irmáns coadxutores na súa iniciación á meditación espiritual, tal como fixera xa antes en Oña.

Hai constancia, polo demais, de que en este centro xesuítico de Marneffe existía nestes anos un “máximo espírito misioneiro”[8], que ben puido influír na vocación misioneira tanto de Pedro Arrupe, Xeneral da Compañía de Xesús (cuxa causa de beatificación foi recentemente introducida en Roma), coma na do propio Dositeo. Seguramente ámbolos dous se coñeceron e trataron, aínda que só fose durante esa súa común estancia dun ano en Bélxica. Dositeo cursaba entón alí o 3º curso de Filosofía, mentres que Arrupe iniciaba o 1º curso.

Os últimos meses do ano 1932 están ligados xa á marcha de Dositeo a China con outros compañeiros xesuítas. Sobre este punto tomo os seguintes parágrafos dunha carta que lle escribe o eminente xesuíta cacereño, filólogo e sinólogo, Fernando Mateos Bacas a D. Manuel Blanco Castro, interesado este pola vida e martirio de Dositeo, o 4 de xullo do ano 2000:

“El Padre Dositeo marchó a China el año 1932, cuando la sectaria República Española disolvió la Compañía de Jesús y se incautó de sus bienes. No fue posible ninguna despedida misionera en el territorio de la Provincia S. J. de León; además, los jesuitas en formación estaban exiliados en Bélgica. El P. Dositeo era el único sacerdote en la 20ª expedición de jesuitas españoles a la misión de Anking y, por ello, su Superior. Le acompañaban 4 HH. Escolares (Rafael Díez-Escanciano, Francisco Jaureguízar, Alberto Palacios y Fidencio Ramos) y 3 Hermanos (Restituto Díez, Benjamín Hernández y Enrique Vicente). Todos, magníficos misioneros, han muerto desde hace años. Como era usual entonces, los expedicionarios fueron a Marsella para embarcar en un buque francés de pasajeros, que en unos 28 días hacía usualmente la ruta Canal de Suez – Bombay – Colombo – Singapur – Hong Kong – Shanghai. El P. Dositeo y sus compañeros desembarcaron el 4 de diciembre de 1932 en la metrópolis china, y el 16 de diciembre llegaron a la ciudad de Anking, a orillas del Río Yangtse”.

Si, pois, Dositeo aparecerá no Catálogo do ano seguinte (1933) como dedicado no seu primeiro ano ó estudo da lingua china, na Residencia da Misión Católica de Anking (China). No do ano seguinte (1934) figura co sobrenome de “Tae” na Residencia da “Sección de Hofei” e coa función de “Axudante na Misión de Hofei, confesor dos compañeiros xesuítas e dedicado ó estudo da lingua china no seu segundo ano”.

Na lacónica anotación latina, porén, do Catálogo do ano seguinte (1935) dise xa unicamente: “In Captivitate”, ou sexa, “en prisión”. Sen máis indicacións.

Finalmente, no Catálogo do ano seguinte (1936) alúdese xa unicamente a el na sección dos “Vita Functi” (“Defuntos”) con estas sobrias indicacións: “nado o 4 de decembro de 1899 en Gulpilleiras (Lugo), entra na Compañía de Xesús o día 3 de setembro de 1927, escolar aprobado, apresado polos comunistas en China o 21 de outubro de 1934 en Mitosze (China); asasinado probabelmente a finais do mes de novembro de 1934 na provincia de Honan”.

Así e todo, informacións máis amplas sobre o final do P. Dositeo López Pardo podemos atopalas nas “Noticias de la Provincia de León” de xuño de 1935 (páxinas 49-50), que as recolle do número 15 da revista “Misión de Anking”. Dado o seu interese, preséntoas (traducíndoas ó galego) seguidamente:

“O día de Santa Teresa de Xesús, 15 de outubro do ano pasado, saía de Taihu para Mitosze o P. López, con sentimento do P. José Crespo, o seu ministro. Ós desexos do P. López de se instalar canto antes no seu novo Distrito uniuse que os domésticos de Mitosze e mailas Presentandinas lle deron toda clase de seguridades.

O venres pola noite, 19 de outubro, chegaron inesperadamente os comunistas. O P. López, avisado con tempo, puido fuxir saltando a tapia da horta. Os comunistas entraban inmediatamente polas portas da casa; de tal maneira que o catequista, que ía uns pasos detrás para fuxir con el, foi apresado polos comunistas antes de saltar a tapia.

O P. López entrou nunha casa da localidade. Estaban a xogar ás cartas uns cantos pagáns; ó veren entrar un home con barba e medio descalzo, atemorizados, escondéronse debaixo da mesa. O P. López tranquilizounos axiña, explicándolles a aventura e informándoos da chegada dos comunistas. Aqueles pagáns procuráronlle un guía, para que o conducise a un sitio máis apartado e seguro.

No novo escondedoiro permaneceu oculto ata a amencida do domingo, cando decidiu volver a casa, da que fuxiran xa os comunistas, coller algunha roupa e marchar a Taihu, cidade defendida polos regulares. Así o fixo; mais nada máis chegar presentáronse de novo os comunistas na localidade. O P. López fuxiu polo mesmo sitio que a primeira vez; ó saltar a tapia, rompéuselle a tibia. Medio arrastrándose, apartouse do camiño como uns 300 metros; alí xa non puido máis e deixouse caer sobre o chan, esperando o que Deus quixese dispoñer del.

Pouco despois acertou a pasar preto de alí un dos comunistas. O P. López, que pola néboa ou as dores non se deu conta do perigo, chamouno crendo que sería un dos domésticos. De xeito tan inesperado veu caer o P. López no poder dos comunistas.

Así o conta o catequista Chiang, pai dun seminarista de Anking, que fora preso a primeira vez que entraron os comunistas na localidade, ó intentar saltar a tapia detrás do P. López.

Este catequista, que nun principio foi levado cativo xunto co P. López, para que servise de intérprete entre el e os comunistas, foi axiña posto en liberdade, ficando só o P. López no medio dos seus inimigos, para beber máis a soas o cáliz do sufrimento.

Para esclarecer algúns rumores, quizais non tan certos, que se divulgaron sobre o que lle puido ter acontecido ó P. López no medio dos seus inimigos, indicamos a continuación o que sabemos del.

Fóra do que o noso sentido P. López puidera ter sufrido pola inesperada rotura da tibia e pola escaseza de alimentación, ou polo menos non apropiada ó seu estado de saúde, os comunistas non lle ocasionaron molestia algunha física ó prendelo. Aínda que é probábel que tivese que sufrir insultos de palabra, como fixeron co P. Avito e o P. Hidalgo. Entre mil perigos e batallas levárono nunha padiola miles de quilómetros, por vales e montes.

Non sabemos con certeza a canto chegaría a rotura da perna; os comunistas dixeron que era cousa de pouca importancia. Mais consta que desde o 21 de outubro ata o 12 de novembro pararon os comunistas nunha cristiandade de Lowfang. Os que levaban o P. López durmiron en casa dun cristián, familia dun seminarista noso. Esta familia cristiá falou co P. López, aínda que non se atreveron a lle descubrir quen eran os que lle falaban.

Poucos días despois, un militar que escapou do cativerio contaba que ouvira dicir ós comunistas que ‘levaban cativo un estranxeiro’”.

Ata aquí as informacións publicadas no ano 1935 relacionadas coa catividade de Dositeo no ano anterior por parte dos comunistas. Acontecementos que están enmarcados na longa guerra civil iniciada en China no ano 1927 e que duraría ata mediado o século XX.

Presento tamén, porén, seguidamente un segundo relato máis recente sobre os acontecementos relacionados coa morte de Dositeo, que Roberto Villasante Meso nos ofrece na súa achega titulada “Jesuitas españoles mártires en China”, que está publicada nas páxinas 345-351 do citado volume Jesuitas españoles en China 1552-2014. Limítome aquí a presentar o que máis directamente ten que ver con Dositeo López (verténdoo tamén ó galego), deixando que o lector advirta por si mesmo as semellanzas e diferenzas existentes entre este relato e o anterior:

“As cinco baixas que sufriu a misión española durante este tempo de guerra foron a comezos dos anos 30. Houbo cinco nomes, cinco heroes, que plenamente conscientes do sacrificio que podía supoñer o seu ministerio en Extremo Oriente, non dubidaron en entregar a súa vida polo anuncio do evanxeo: Dositeo López Pardo, Joaquín Martínez Manrique, Ismael Gutiérrez Avito, Ricardo Ponsol e Tomás Esteban.

Non hai certeza respecto da autoría das cinco mortes. Se ben é máis que probábel que algúns foron asasinados directamente polos comunistas. Outros foron asasinados por delincuentes, quen sabe a que ideoloxía adscritos”.[9]

[…] “O seguinte xesuíta asasinado durante aquel tempo de persecución foi o lucense Dositeo López […] Apenas pasou un ano estudando o chino cando foi mandado xunto co P. Argüelles a Hofei. Consciente da situación de inestabilidade social en China, non dubidaba das consecuencias que podería levar consigo a súa opción pola evanxelización : Certamente esta terra é fecunda en palma e en cruces. Aquilo do que a semente da fe, para que arraigue e dea sazonados froitos, ten que ser regada con sangue de mártires.

E así sería. Un ano máis tarde foi enviado a Mitose, que fora durante longo tempo feudo dos comunistas. De feito, o mesmo día que se dirixiu alí atopouse cunha señora que saía fuxindo daquela cidade ‘infectada de comunistas’. El seguiu adiante sen facer moito caso, mais a medida que se achegaba á cidade, por testemuños doutras persoas, deuse conta que a señora non exaxeraba; así que volveu a Taeju. Esa mesma noite do 3 de setembro, unha vez na comunidade de Taeju, espértano na medianoite dicindo que os comunistas están encima.

Nun clima de crecente violencia calquera cousa podía ocorrer. E así foi. O 19 de outubro de 1934 un grupo de comunistas entraron na casa. O P. López puido fuxir e gorecerse na casa dun cristián no campo mentres os traballadores da casa foron apresados. Ó día seguinte de volta a Taeju atopouse co cociñeiro, quen lle dixo que as monxas Presentandinas o estaban a esperar. Os comunistas volveron rodear a casa e el volveu fuxir, mais con tan mala sorte que se rompeu a perna ó saltar a tapia. Apresárono a el e mailas monxas, que pouco despois foron liberadas. Por elas e polo catequista Cheng coñecemos o que pasou co P. López. Apresouno a 15ª división dos comunistas. A razón principal da súa detención era ser un misioneiro dunha relixión imperialista contraria ó comunismo. Pedían pola súa liberación diñeiro, medicinas, pilas eléctricas, radios… Debido ás ofensivas das tropas gobernamentais os comunistas fóronse de Mitose e Taehu cara a Hupei e Honan.

O desenlace da súa morte coñécese por un mozo liberado polos comunistas, Luei Tchengchi. Ó seu paso por Huoshan matárono e ameazaron con facer o mesmo con calquera que confesase o crime”.[10]

O testemuño deste mozo foi seguramente o que despexou as comprensíbeis primeiras dúbidas sobre a real situación na que se atopaba Dositeo trala súa captura. Esta incerteza motivou, xa que logo, unha determinada demora na comunicación da súa morte, que ben se advirte no “por fin” da comunicación que se fai a este respecto nas “Noticias de la Provincia de León” do mes de xaneiro de 1936 (p. 8-9) nos seguintes parágrafos:

“Decidíronse por fin os nosos Superiores a anunciar a morte dos PP. Avito Gutiérrez e Dositeo López. Dous mártires da nosa Misión, dous intercesores poderosos para con Deus e dous modelos que nos sinalan a ruta que debemos seguir en circunstancias semellantes a aquelas coas que eles se atoparon, se o Noso Señor así o dispón.

Quen poderá dicir o que sufriron? – Aínda que nada en concreto se pode afirmar, o ánimo adiviña, porén, o que tiveron que padecer, non sendo va a cualificación de ‘mártires’ co que son designados”[11].

Dositeo está, efectivamente, incluído  no Martiroloxio da Compañía de Xesús ademais destoutros xesuítas españois, misioneiros que foron tamén coma el naqueles anos en China: Tomás Esteban (1879-1931), Ismael Gutiérrez Avito (1895-1933), Joaquín Martínez Manrique (1897-1935) e Ricardo Ponsol (1879-1940)[12].

Dos tres primeiros aquí nomeados (Tomás Esteban, Ismael Gutiérrez Avito, Joaquín Martínez Manrique) foi presentada a respectiva causa de beatificación[13]. Non hai constancia porén de que de Ricardo Ponsol ou do noso Dositeo López Pardo estea introducida a súa causa[14].

No que se refire máis directamente a Dositeo, cómpre indicar que -a diferenza dos catro outros compañeiros (aínda que en distintas datas e circunstancias) de martirio- levaba Dositeo menos tempo de xesuíta ca eles. Dos catro compañeiros, o que menos tempo levaba como xesuíta era J. Martínez Manrique: vinte anos. Todos eles, menos Dositeo, estaban xa que logo definitivamente incorporados na Compañía de Xesús (como “profesos” ou como “coadxutores espirituais”) trala emisión dos seus últimos votos. Dositeo, en cambio, entrara –como sabemos- na Compañía de Xesús o 3 de setembro de 1927. De modo que levaba aínda demasiado pouco tempo (só sete anos) na Compañía para poder acceder ós seus últimos votos por máis que fose xa sacerdote (con anterioridade á súa entrada na Compañía de Xesús). Nas Normas da Compañía de Xesús está, en efecto, estabelecido, que “para facer os últimos votos se require ter vivido alomenos dez anos enteiros na Compañía”[15].

É isto o que explica que no Catálogo da Provincia de León do ano 1936, trala súa morte no ano 1934, se indicase no apartado “Vita Functi” (“Defuntos”) que morrera sendo “escolar aprobado”. Así o era el, efectivamente, desde a propia normativa interna xesuítica.

Finalmente, no que se refire á interioridade e intensidade relixiosa que está na base da entrega misioneira de Dositeo, limítome a facer algunhas referencias tomadas da achega “Nuestros Mártires. P. Dositeo López Pardo”, que se atopa no máis arriba mencionado número extraordinario de “Anking. A orillas del Río Azul”. A un dos seus correspondentes escribíalle, por exemplo, Dositeo desde o seu posto misioneiro (en tempos ben próximos á súa captura):

“En mi aposento, aquí en Leimatien, una casita que, en lo material, me recuerda el portalito de Belén. El piso de barro, las paredes también, el techo de paja; no es mucho lujo que digamos; pero en otro semejante al mío, y a mi lado, se hospeda en los días de mi estancia en ésta, un personaje de tan alta alcurnia que le apellidamos Señor de Cielos y Tierra. Yo de mí sé decir que en ella, y sirviendo a tal Amo, duermo sueños tranquilos, que ya los quisieran para sí muchos de los que habitan palacios. Y sobre todo, cuando miro las comodidades, la patria, la familia, la vida… al lado de estas almas, ¡qué pequeño me parece todo! ¡Cuán poco vale todo al lado de un alma!”.

E algo despois comunicaralle tamén:

“Para el curso próximo me ha sido confiado otro campo de operaciones, Mitose. Allí no tendré más compañero que al Divino Jesús que, fiel a sus promesas, me acompaña a dondequiera que vaya. Con El trataré y consultaré todos los negocios que me ocurran, en especial la conversión de los miles de paganos de mi nuevo distrito” (o. c., p. 220).

Se a esta sólida relixiosidade se xuntan as “especiales cualidades de carácter que él tenía para el trato con los chinos” (a teor do que se di sobre el nesta achega de “Anking”, p. 220), é lóxico supoñer que estamos ante unha figura ben digna de ser lembrada e imitada.

Que estas breves e sumarias indicacións sobre a curta pero intensa vida de Dositeo poidan, pois, servir de estímulo tanto para futuros investigadores da súa vida e obra como para esforzados continuadores da súa entrega misioneira.

Por Manuel Cabada Castro[16]

[Publicado en “Encrucillada. Revista galega de pensamento cristián”, nº 215 (novembro-decembro 2019) 77-91 (553-567)]

[1] Ademais dos nomes citados explicitamente ó longo do texto, quero agradecer aquí tamén as atentas informacións recibidas de Manuel Revuelta González, Roberto Villasante Meso, Pedro Llobell Fernández e Luis González Fernández.

[2] Nunha segunda partida de bautismo (da que tamén dispoño) figura como lugar do bautismo, non Gulpilleiras senón Santa María de Piñeira (o nome da parroquia á que pertence o lugar de Gulpilleiras).

[3] Débolle copia deste escrito ó xa mencionado Xosé María Pin Millares.

[4] Nunha nota marxinal da partida de bautismo de Dositeo faise constar que este recibiu a orde do subdiaconado de mans do bispo Plácido Ángel Rey Lemos.

[5] Non é correcta, xa que logo,  o que se afirma na páxina 349 do mencionado anterior volume Jesuitas españoles en China 1552-2014 sobre que Dositeo fose ordenado sacerdote no ano 1927. É correcta, en troques, a indicación, na páxina 68 do mesmo escrito, de que a súa ordenación ocorreu no ano 1922.

[6] Cando entra na Compañía de Xesús en Salamanca, Dositeo indica expresamente no seu escrito en latín que seus pais tiñan xa falecido.

[7] O asasinato de Gervasio (o irmán de Dositeo), debeu de ser (segundo outra información) “polo ano 1943”.

[8] Cf. Gianni La Bella (ed.), Pedro Arrupe General de la Compañía de Jesús. Nuevas aportaciones a su biografía, Bilbao / Maliaño (Cantabria), 2007, p. 94, nota 99.

[9] Villasante, “Jesuitas españoles mártires…”. En Jesuitas españoles en China…, pp. 345-346.

[10] Villasante, Jesuitas…, pp. 349-350. Informacións máis detalladas sobre estes acontecementos relacionados coa captura de Dositeo poden lerse en “ANKING. A orillas del Río Azul”, nº extraordinario, en el primer decenio, 1930-1940, páxs. 220-222.

[11] Agradezo a Amancio Arnaiz, do “Archivo de España de la Compañía de Jesús” en Alcalá de Henares (Madrid), terme remitido copia deste texto das “Noticias de la Provincia de León”, como tamén a do anteriormente citado texto das mesmas “Noticias de la Provincia de León” do ano 1935.

[12] Ver Jesuitas españoles en China 1552-2014, p. 53. Nesta mesma páxina aparecen as fotografías dos cinco misioneiros españois (incluída a de Dositeo) con esta indicación a pé de páxina: “Cinco Jesuitas Españoles incluidos en el Martirologio de la Compañía de Jesús. Murieron en la prisión o asesinados por las guerrillas”. Todos eles morreron en China, en diversas datas, entre os anos 1931 e 1940. Dositeo era o máis novo dos cinco. Ver tamén neste mesmo escrito, p. 68.

[13] Ver Jesuitas españoles en China…, p. 61, 64, 69.

[14] No que concretamente se refire a Dositeo foime confirmado isto en data recente por Pascual Cebollada, Postulador Xeral da Compañía de Xesús, nunha súa recente comunicación persoal.

[15] Ver Constituciones de la Compañía de Jesús y Normas Complementarias (Roma, 1995), p. 305, nº 119.

[16] Manuel Cabada é xesuíta e filósofo.