MENSAXE DE NADAL DO BISPO DE LUGO

O Nadal é a promesa de que o Señor está con nós

diciembre 25, 2022 · 20:18 0

Imos celebrar un ano máis o Nadal, e poñeremos nas nosas casas o nacemento, reunirémonos ao seu arredor, e para todas as familias, o eco da paz, da felicidade, da vida renacerá ao redor do Neno deitado nas pallas do portal.

O Nadal é a promesa de que o Señor está con nós e de que as nosas vidas, teñen unha esperanza grande, un futuro grande; non serán vencidas, non se perderán no esquecemento e na insignificancia, porque Xesús é o Fillo de Deus que veu sorprendentemente a nós, ás nosas casas.

Esta felicidade, esta certeza acompaña como un eco profundo o Nadal no mundo enteiro. Hai como unha impresión de alegría, unha impresión de paz que se estende e que é como unha promesa: nós, pequenos, temos unha promesa de salvación, e todos os nosos seres queridos e os nosos bens máis verdadeiros.

Así, co Nadal, todos os anos seméntase unha esperanza que nos axuda a atravesar as dificultades do ano e da vida. A esperanza de que non estamos sós, non camiñamos sós. Nunca estaremos sós, senón que o Señor, que se fixo home, uniuse con nós para sempre, acompáñanos, e afirma o valor da nosa vida; afirmouno como quen nos quere moito, vindo entre nós.

Así pois, celebremos con alegría o Nadal neste ano complicado, neste ano que parece que tanto desexamos a paz e a xustiza. Que a esperanza do corazón noso sexa unha fonte de forza que nos axude a camiñar, que nos axude a amar todo o que Deus nos da ao longo do ano, que nos axude a preferir a xustiza e a sementar esta paz, esta esperanza, este agarimo profundo do Nadal.

Que o vivamos nas nosas casas e o fagamos posible ao noso arredor, a todos os nosos irmáns.

Que teñamos un moi Bo Nadal !

+Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]