Antón Negro Expósito | Sacerdote e sociólogo

Regalar o aprobado

julio 29, 2022 · 21:45 0

Nos últimos anos parece que os gobernos queren baixar o fracaso escolar. A vía escollida non é ensinar máis e mellor, senón a de baixar o nivel de esixencia académica e facilitar que se obteña a titulación mesmo con algunhas materias suspensas. Pero loxicamente esta medida de política educativa favorece a uns e prexudica a outros.

A baixada no nivel de esixencia leva consigo que esas titulacións se desvaloricen, o que prexudica aos máis pobres, aos que teñen que traballar seriamente para gañar a vida, mentres que favorece aos que teñen máis medios económicos e/ou relacións sociais cos de boa posición social.

Baixar o nivel de esixencia nos procesos formativos serve a aqueles para quen os títulos sonlles un cadro decorativo, tamén aos que pola súa posición familiar teñan aceso por medios caciquís e de corrupción a certos postos de traballo, que así resultan vetados ás persoas máis pobres e éticas. Aceptar isto é socialmente grave e deixa sen argumentos para queixarse ou protestar cando se sexa vítima desa corrupción. Os profesionais do sistema educativo poden empeorar ou mellorar a situación.

Gravóuseme na memoria unha oferta de traballo aparecida nos xornais a principios dos 80 do século pasado que poñía esta condición: “abstéñanse os titulados pola universidade de Santiago e da Laguna”. O seu título universitario non tiña valor, polo que os pobres aos que lles custara tanto titularse foron timados. Pouco despois díxenlle a un estudante a punto de graduarse con dobre título nunha universidade con moito nivel de esixencia: “Ti non vas ter ningún problema en atopar traballo”, pero contestoume: “Iso dilo ti. Si que teño problemas. É que son tantas as ofertas que non sabes cal aceptar”. Así que: “É preferible suspender e saber que aprobar e non saber”? -como lle dixen a un familiar. O importante é saber. A máis coñecementos mellor te podes entender a ti mesmo, á vida e á natureza, mellor podes axudar ás persoas que amas… O saber inclúe coñecementos técnicos e tamén acadar madurez persoal e capacidades para a convivencia social.

A importancia desta amplitude na formación vémola nestes exemplos:

-Contounos un industrial catalán en China a propósito do problema dese país cos fillos únicos: “O outro día contratei a un mozo chino para a oficina e no traballo preguntoume: ‘onde está a miña impresora?’ Eu díxenlle: ‘Temos unha impresora multifunción e chéganos para todos’. Respondeu: ‘Pois eu quero unha impresora só para min’. Ao replicarlle que chegaba para todos a que había, non voltou a traballar”.

-Dous exemplos de España:

1) O responsable dunha empresa reprende aos profesores dunha enxenaría universitaria madrileña polos profesionais que titulaban, pois a nai dun contratado facía pouco chamou á empresa para dicirlles que o seu fillo non volvía traballar porque un compañeiro o mirara mal…

2) A unha gran empresa tecnolóxica española vai un mozo acompañado dos pais que insistían en entrar con el á entrevista de traballo… evidentemente non lle deron o posto de traballo.

En ambos casos vese clara a pouca madurez humana e capacitación para a convivencia deses traballadores e os pais son pouco promocionadores do fillo e demasiado sobreprotectores, mesmo se diría que castrantes. Xa o di a sabedoría popular: “Hai amores que matan”…

Resultan difícil de entender as folgas dos estudantes sen asistir ás clases polas consecuencias que teñen, por exemplo:

  1. Danlles vacacións aos profesores e, por tanto, cobran sen traballar.
  2. Renuncian ao ben de aprender, coñecer, saber e capacitarse para vivir e comprender.
  3. Iso prexudica ás persoas que máis queren, porque ao ter menos coñecementos non van a axudarlles da mellor maneira.
  4. Facilmente leva consigo que os pobres, sobre os que realmente cae o peso dos impostos por non poder transferilos a outros, teñan que pagar máis pola súa formación.

Isto quere dicir que hai que reconsiderar a loita pola xustiza no campo do ensino para que os estudos sexan un ben para a humanidade e para os pobres, e non un prexuízo.

Desvalorizar e regalar titulacións é un prexuízo para os pobres e eles o que necesitan é un saber que os achegue a unha sociedade máis xusta, libre e solidaria.

Antón Negro Expósito

Sacerdote e sociólogo

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]