Antón Negro Expósito | Sociólogo e sacerdote

 “Eu síntome…”

enero 22, 2022 · 22:27 X

Cando as persoas empezamos a falar dicindo: “é que eu síntome…”, hai que esperar e ver como e onde se sente ou se senta esa persoa, se se sente, senta, sobre un tallo, unha cadeira, sofá, mesa, cama, tacóns de agulla, enriba dun cigarro, nas botas de boxeador, no chan, area, pedras, silvas,… ou empoderados/as que pode significar estar con poder enriba dos/as outros/as e con frecuencia oprimindo.

As persoas certamente que temos sentimentos e emocións variadas… e unha persoa pode sentir tantas cousas e tan diversas, mesmo contraditorias, que pouco nos van dicir quen é e como é ese ser humano, e o que pode chegar a ser. As persoas non son un sentimento nin son unha emoción, aínda que estes condicionen con maior ou menor intensidade os seus estados de ánimo e esperanzas. De feito, cando aparece un cadáver en calquera lugar, o primeiro que buscan os médicos forenses son as súas impresións dixitais e/ou o seu ADN para empezar a saber quen é: se foi pai/nai de… se fillo/a de… se familiar de… Os estudos da bioquímica humana non son só para eses temas forenses, senón que tamén antes dun transplante fanse análises bioquímicas serias para ver se é compatible ou non coa persoa a que se lle vai transplantar. Calquera médico sabe que un determinado fármaco (un químico) pode influír no estado anímico dunha persoa.

As persoas é certo que somos seres espirituais, pero tamén é verdade que somos seres corporais e, cando imos a calquera lugar, a nosa corporeidade é o primeiro que aos nosos interlocutores lles vai entrar polos ollos coas correspondentes cicatrices externas ou internas que no corpo van impresas. Ademais a vestimenta, peiteado, maneira de andar e de sentar… son unha linguaxe, unha maneira de expresarse, de comunicarse e entenderse.

Así que como me sinto é unha cousa, e quen son eu é outra realidade máis fonda. Por outra parte quen estou chamado a ser é seguramente o “leiv motiv” máis importante para o desenvolvemento da vida persoal, da propia vocación. Igualmente hai que distinguir o que tantas veces escoitamos dicir: “ti, de que vas?”, que non é o mesmo ca cuestión “quen es ti?”. Non son equivalentes de ningunha maneira “ser” e “ir de…”. Neste segundo caso de “ir de…” algúns chámanlle á iso ser chaqueteiros e outros din que son os de pantalóns gris, pois calquera chaqueta lles combina ben…

Temos que ser conscientes dos sentimentos e das emocións propias, recoñecelas, e logo hai que gobernalas persoalmente para que poidamos levar unha vida pacífica e dialogante na sociedade. Debemos ser donos dos sentimentos e non ser dominados por eles para así poder levar unha vida libre e responsable cos nosos irmáns, para non ser uns tiranos cos demais en función da emoción ou sentimento que teñamos. Se queremos ter un proxecto de vida responsable e compartido, unhas metas a alcanzar na vida, debemos saber gobernar e orientar os sentimentos e emocións.

Aos gobernantes do país, que seica son xente alfabetizada e lida, habería que pedirlles que fosen razoables e xustos e non andasen a intentar manipularnos co xogo das emocións. Habería que pedirlles que desde unha cosmovisión, unha percepción do mundo harmónica e coherente, xusta e liberadora, se articularan as leis e os proxectos sociais. Non debería haber as contradicións que hai, por exemplo, no noso sistema legal sobre a maioría de idade segundo para que cousas: xa que se é maior de idade en cuestións complicadas que condicionarán a vida gravemente (aborto, cambio de sexo…) e para outras menos importantes non se é. Non se ve lóxico que se multe por poñer a vida en perigo ao non levar o cinto de seguridade e ao mesmo tempo que sexa legal atentar contra a propia vida coa eutanasia, etc.

Este espazo non permite unha reflexión máis ampla. Remato con esta expresión moi usada polos logoterapeutas, que chama a tratar ás persoas non desde os sentimentos senón desde un proxecto vital humanizador: “Se tratas a unha persoa como é, fala peor do que é, pero se a tratas como pode chegar a ser, axúdaslle a mellorar

Antón Negro