DÍA DA IGREXA DIOCESANA | ALFONSO CARRASCO, BISPO DE LUGO

Somos o que ti nos axudas a ser

noviembre 8, 2020 · 5:51 X

A experiencia que fixemos nos tempos máis duros desta pandemia do Covid-19 permitiunos descubrir con claridade que non estabamos sós, mesmo no noso illamento forzoso, que nos axudabamos uns a outros a ser e a vivir nas dificultades da nova situación.

Alegrarse desta axuda sinxela, feita de presenza, de coñecemento mutuo e apoio cotián, dunha palabra e unha oración, de xestos de axuda e de compañía, foi ocasión de descubrir o máis fondo: que o noso ser, a nosa existencia, ten fundamento sólido, sostense sobre o chan firme dunha unidade profunda, edificada polo Señor. “Somos o que ti nos axudas a ser” dicímolo ante todo ao Señor Xesús e, grazas a El, á comuñón dos irmáns, na que vivimos como cristiáns.

Puidemos ver neste tempo de pandemia que non está no noso poder darnos o ser e a vida, que unha forza cega da natureza deixábanos sen defensa nun momento. E puidemos aprender mellor, con todo, que existimos grazas a Deus, que El nos axuda a ser, fainos posible realizar o ben na vida, axudarnos como irmáns dunha gran familia, que esteamos ante a morte con esperanza de vitoria.

Ser persoa é ser así, relación viva con Deus e cos irmáns. Somos unha gran familia, con raíces no máis fondo, habitada pola unidade e o amor máis radical, e que chega da terra ao ceo. Non somos menos: esa é a nosa familia, sempre confiada na vontade do Pai, con Xesús como Señor da casa. Aquí somos axudados a ser e axudámonos uns a outros a ser. Fixémolo no confinamento, e habemos de facelo todos os días, polo ben da nosa vida, polo dos nosos seres queridos, pola nosa dignidade e destino persoal e como sociedade.

Desde o inicio os cristiáns vivimos así: tiñan un só corazón e unha soa alma, di San Lucas, perseveraban unánimes na oración e na doutrina dos apóstolos, poñían os seus bens en común, axudábanse nas necesidades.

Alegrémonos da nosa fe, de Deus o noso Pai e da vitoria do Resucitado. Miremos con ollos de fe e agradecemento á particular Igrexa diocesana na que estamos, na que somos axudados e nos axudamos a ser e a vivir.

O testemuño de cada un é un tesouro precioso, que enriquece a todos, que nunca se pode dar por descontado, que constrúe o ser xuntos unha gran familia: cunha palabra ou un xesto, coa xenerosidade de quen pon a disposición o seu tempo ou as propias calidades, con apoio e compañía na discreción do cotián.

Así, na proximidade, na fe e a caridade, no compartir e o axudarse nas dificultades da alma e do corpo, somos Igrexa. Na nosa casa, na nosa terra, en Lugo, somos Igrexa diocesana. Deus nos garde nela, nos permita ser perseverantes, nos ensine a amala, a axudala e a axudarnos a ser e a vivir. E que no seo desta gran familia da Igrexa lucense, Xesús Sacramentado nos dea a graza da verdadeira comuñón, de permanecer sempre xuntos, cada día e todos os días: SomosIgrexa24Sete.

+ Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo