ANTÓN NEGRO | 31 DE MARZO DE 2019

Sistema electoral e pobres

marzo 30, 2019 · 21:37 X

No contexto das próximas campañas electorais, nas que xa estamos metidos, imos oír falar moito do actual sistema electoral dado que se considera inxusto, que prexudica a determinados partidos, que si o voto nunha provincia ten máis valor ca noutra, que se hai moitos votos que se perden, que se hai que cambiar a lei electoral, que o que hai que facer é isto ou o contrario, porque así favorece máis a estes ou aos outros, etc.

Quero axudar a pensar un pouco sobre algúns dos sistemas electorais, a mentalidade que os sustenta e as consecuencias de escoller un determinado método de elección ou outro.

Cando se escolleu o sistema electoral vixente para o Congreso dos Deputados buscábase que tivese presente a demarcación territorial básica que é a provincia, á que lle corresponderían 2 escanos e o resto repartiríanse entre as provincias en función da poboación con representación proporcional. Sobre todo buscábase o control sobre os parlamentarios por parte dos líderes dos partidos e non dos seus electores; de aí as listas completas, pechadas e bloqueadas. Isto leva consigo que a maioría non coñeza nin sequera os nomes dos que deberían ser os seus representantes nin teña ningunha capacidade de control sobre eles.

No límite das posibilidades que permite o espazo deste artigo faremos algúns apuntamentos sobre os sistemas electorais. Se ao iniciar o debate sobre a lei electoral se parte dunha mentalidade tendente a favorecer “medidas progresistas”, modernas, habería que premiar o voto dos lugares máis progresistas e avanzados de España (?), é dicir, Madrid, Barcelona, Valencia… en detrimento das zonas máis atrasadas de España, as rurais e despoboadas. Esa era a razón pola que en 1931 dúas das tres parlamentarias no Congreso, Margarita Nelken (PSOE) e Victoria Kent (Radical Socialista) se opuxeron ao voto das mulleres ao contrario de Clara Campoamor do Partido Republicano. Non é casual que descoñezamos o feito ao que se sumaron algúns parlamentarios máis do PSOE, anque algúns pensen que foi ao revés. A historia cando a hai, é a que é, para ben e para mal, e como ensina a sabiduría evanxélica ten mestura de trigo e xoio en diversas proporcións. Se non hai historia é certo que non hai motivos para desconfiar, pero tamén é tan certo que non os hai para confiar. ¡Cousas da vida!

Outros pretenden que o sistema electoral estea en función dun territorio habitado por un pobo que ten unha misión histórica e unha identidade de seu. Por iso din que “non se pode frear a vontade dun pobo”. Este territorio ideoloxizado leva a que só poidan decidir o seu futuro os que coñecen os seus arcanos, e por iso sosteñen que non poden decidir o futuro da patria, do pobo, os traidores á ela e á súa identidade, os que non son fieis, os estranxeiros… ou os que desprezan a súa cultura e se teñen “autoodio”, (habería que curalos antes).

Outros sistemas electorais levan a que os elixidos estean máis pendentes dos electores que os elixiron ca do partido ao que pertencen, e votan nos parlamentos mesmo en contra das indicacións expresas da dirección dos seus partidos, como vimos en Inglaterra entre outros moitos casos co Brexit. Isto sucede porque son circunscricións territoriais uninominais que elixen un só parlamentario, o que leva consigo que, se non se está en contacto cos electores, nin se ten en conta a súa vontade, non os van reelixir.

Á hora de valorar e elixir o sistema electoral non podemos esquecer que a finalidade da acción política é promover o BEN COMÚN e, por tanto, priorizar a solución dos problemas dos que peor están, precisamente porque son os que están peor, pois todos os humanos temos a mesma dignidade e os mesmos dereitos. En consecuencia hai que potenciar a capacidade de decisión política dos máis excluídos e empobrecidos. Iso leva consigo, para España, premiar a representación das zonas do país máis desérticas, despoboadas, con menos recursos e riqueza.

Vexamos un exemplo, se na provincia de Lugo, con case a mesma poboación cá cidade de Vigo pero con moitísima máis extensión se fai unha inversión de 10 millóns de € ¿onde se poderían conseguir máis votos? Pensemos se a despoboación e o empobrecemento de case toda a España interior non terminará prexudicando gravemente a todo o país. Por iso habería que dar moita máis representación política ás zonas e barrios empobrecidos. ¿Non estamos a favor da igualdade real de oportunidades e mesmo da discriminación positiva para os máis pobres? O criterio ético-político sería o que formulan clara e sinteticamente os bispos de USA, defendendo o protagonismo dos pobres, no seu documento “Xustiza Económica Para Todos”, que no nº 24 afirma: “Hai que avaliar as decisións (políticas e económicas) á luz do que fan PARA os pobres, o que fan A os pobres e o que posibilitan que os POBRES (suxeito) FAGAN PARA SI MESMOS”

Para concluír, se os parlamentarios elixidos son representantes dos cidadáns, do pobo, este ten que poder controlalos nas súas decisións e, por tanto, poder cesalos e substituílos con un procedemento claro para os electores. Isto faise mellor en circunscricións uninominais.

Antón Negro