Antón Negro

Terá razón económica o Ofertorio?

marzo 11, 2018 · 0:00 0

Cando unha persoa estudia libros de economía é frecuente que atope a afirmación de que as fontes da riqueza son tres:

 A TERRA ou os recursos naturais do subsolo, do solo e da atmosfera.

O CAPITAL na súa dobre referencia de físico e financeiro (máquinas, tecnoloxía e diñeiro…).

O TRABALLO ó que mesmo ás veces se lle chama Capital Humano.

Pero cando un católico vai á Misa atópase que no Ofertorio o cura, ó presentar o Pan e o Viño, non di que son froito da Terra, do Capital e do Traballo, senón que son “froito da TERRA e do TRABALLO DOS HOMES”, e aí se queda.

A persoa humana diferenciase dos outros seres da creación porque pensa (filosofa) e comparte o seu pensamento cos demais para enriquecemento mutuo. Así pensando no dito anteriormente vexo que hai diferenzas importantes, comezando por ver que non é o mesmo, a nivel de implicacións sociopolíticas, falar de Capital Humano ca de Traballo, que é unha calidade básica das Persoas. ¡Iso parece evidente!, pois na primeira expresión Humano é un adxectivo que acompaña ó substantivo Capital, que é o considerado valioso. Así vemos que con isto se está rebaixando a dignidade das persoas.

Pero o Capital do que falan os manuais económicos ¿que é en realidade? Como xurdiu? Que finalidade ten? Cal é a súa base?

Na súa orixe o Capital-diñeiro non é máis ca un medio para facilitar o troco, o intercambio. É máis, empeza sendo un MATERIAL VALIOSO (ouro, prata…). Quen organiza a produción quédase cunha parte proporcional, algo ou moito maior á dos outros traballadores, igualmente sucede con quen facilita-organiza o troco.

Ese metal para facilitar o troco axiña levará a imaxe do poderoso (emperador) para que se vexa onde está o poder… máis tarde é UN PAPEL  que nun principio ten o respaldo en ouro do Banco Central do país (aínda lembro “El Banco de España pagará al portador…”). Pronto desaparece ese cambio en ouro e ven ser só un papel ó que lle prestamos confianza, fe… ¡Como para dicir que a xente non se move pola fe!, como ás veces din “os que se chaman materialistas do diñeiro”.

Hoxe o diñeiro pasou a ser de PLÁSTICO, ou máis ben inmaterial, unha anotación informática nunha banca electrónica, ou na “NUBE”, que non sabemos onde reside e incluso moedas virtuais coma o bitcoin. Dependen da fe que se lles teña e por iso son tan volátiles…

Pero volvendo á Empresa temos que o Capital na súa dobre dimensión de fixo e circulante, ou Financeiro e Produtivo (máquinas e tecnoloxía) non é máis ca o traballo das persoas acumulado ó longo do tempo. Traballo non pagado ós traballadores pola súa actividade, ou traballo engadido ó traballo dos inventores do pasado que permite facer máquinas máis eficientes co elo que se engade ó elo da cadea dos seus predecesores…

Na era económica post-informática, economía dixital, moitos produtos pódense vender a millóns de persoas, seguir sendo dono deles e seguir vendéndoos a millóns de persoas… ¡Son froito da cooperación histórica de multitudes de persoas e hai que poñelos ó servizo da sociedade!.

Non esquezamos que a capitalización dunha empresa é froito do traballo de tódalas persoas (e dos seus antepasados), que exercen a súa actividade na empresa (compra, produción, venta…). Por tanto, debería repartirse entre todos tendo en conta as necesidades de reinvestimento e de colaboración ó ben común. Se esquecemos iso colaboramos á degradación das persoas e ó espolio dos pobres. Afianzamos, como dicía Pío XI, o Imperialismo Internacional do Diñeiro e a Ditadura Económica (Quadragésimo Anno 105-109).

Traio aquí estas sabias palabras da Doutrina Social da Igrexa na gran encíclica Laborem Exercens (1981), que invito ler con calma. De moitos textos interesantes, por espazo, quédome con este:

“Entón débese constatar aquí que o conxunto de medios é froito do patrimonio histórico do traballo humano. Tódolos medios de produción, desde os máis primitivos ata os ultramodernos, foron elaborados gradualmente polo home: pola experiencia e a intelixencia do home. Deste modo, xurdiron no só os instrumentos máis sinxelos que serven para o cultivo da terra, senón tamén – cun progreso adecuado da ciencia e da técnica – os máis modernos e complexos: as máquinas, as fábricas, os laboratorios e as computadoras. Así, todo o que serve ó traballo, todo o que constitúe – no estado actual da técnica – o seu «instrumento» cada vez máis perfeccionado, é froito do traballo (…) Convén subliñar e pór de relevo a primacía do home no proceso de produción, a primacía do home respecto das cousas.” (nº 12)

Se vivimos o traballo deste xeito, transformador da natureza e colaboración entre as persoas do pasado e do presente, servirá cos seus froitos á vida, á liberación e á humanización. De algunha maneira, como se di no Ofertorio, “serán Pan de Vida e Bebida de Salvación”.

Antón Negro

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]