Antón Negro | El Progreso, 26 de noviembre de 2017

Protagonismo dos pobres na súa liberación

noviembre 26, 2017 · 7:10 0

No artigo anterior, “Pobreza Herdada”, lembraba ó Papa Francisco chamando a unir as Xornadas Pontificias nun “Día Mundial dos Pobres” (19-XI-2017), na liña do que ben dicía León Bloy: “a máis tremenda das maldades é a de oprimir ós febles, ós que non poden defenderse

O compromiso cos pobres, presente na historia da Igrexa, hoxe debe asumir a súa liberación segundo di San Xoán XXIII en Mater et Magistra: “Estamos convencidos, sen embargo, de que os autores principais do desenvolvemento económico, da elevación cultural e do progreso social do campo deben se-los mesmos interesados”. (nº 144).

Cando esta se publicou o cardeal Herrera Oria escribiulle ó Papa dicíndolle que había un erro de tradución, pero o Papa respondeulle que non había erro de tradución, en tal caso sería un erro do Papa (iso lle oín varias veces ó seu amigo persoal Julián G. Del Castillo).

Fai anos un mozo, amigo persoal meu, preguntoulle a Jon Sobrino nun coloquio se el estaba de acordo con que os pobres son os protagonistas da súa liberación como dicía o Papa. Contestoulle que “os pobres e mais outros”, que se pode traducir como que os pobres precisan líderes, guieiros… como sosteñen moitos dirixentes e intelectuais.

Defender o protagonismo dos empobrecidos na súa liberación é ensinanza oficial na Doutrina da Igrexa. Ollemos esta clara clave para analizar  todas as realidades económicas dos Estados e Institucións Sociais: “Hai que avalia-las decisións (de política económica) á luz do que fan POR os pobres, do que fan A os pobres e do que posibilitan que os pobres fagan POR SI mesmos. O criterio moral fundamental para tódalas decisións, políticas e institucións económicas é o seguinte: As mesmas deben estar ó servicio de todos e especialmente ó servicio dos pobres”. (Bispos USA, Xustiza Económica para Todos nº 24). Lembremos que non é o mesmo permitir ca POSIBILITAR.

Este protagonismo está recoñecido en moitos lugares, por ex. nos estatutos da 1ª Internacional: “Considerando que a emancipación dos traballadores ten de ser obra dos traballadores mesmos” (Xenebra setembro 1866).

A pobreza non é só material, senón tamén cultural e de illamento das persoas. Por iso a historia do Movemento Obreiro lémbranos o seu berro: “Contra a ignorancia, ¡libros!, e contra a miseria, ¡Asociación!”. Traballar seriamente nestes dous ámbitos é a acción máis importante que podemos realizar para a liberación dos empobrecidos.

A formación, “a elevación cultural” da que falaba Xoán XXIII, é básica nos procesos de liberación humana. Poden axudar a entendelo as palabras de García Lorca na inauguración da biblioteca do seu pobo Fuente Vaqueros-Granada, que comeza coas palabras de Xesús:

NON SÓ DE PAN VIVE O HOME. Eu, se tivera fame e estivera desvalido na rúa non pediría un pan; senón que pediría MEDIO PAN E UN LIBRO… Ben está que tódolos homes coman, pero que tódolos homes saiban. Que gocen tódolos froitos do espírito humano porque o contrario é convertelos en máquinas ó servizo do Estado, é convertelos en escravos dunha terrible organización social“. (setembro 1931)

A importancia da Asociación está contida na proposta de Vida Comunitaria que fai a Igrexa, porque cremos nun Deus Trinitario, Comunitario, e somos sociais por natureza. Por iso é de todo lóxico que manifestacións dos obreiros fosen baixo a pancarta: “¡Asociación ou morte!” (ex. Barcelona 3-VII-1855). Nos inicios do Movemento Obreiro tiñan claro que a forza dos pobres é a solidariedade, e a Asociación debe ser a canle organizada da solidariedade.

Para compartir cos empobrecidos o seu proceso de liberación, obriga de xustiza, é necesario atoparse vitalmente e desde a Fe con eles como dicía o Papa Francisco na convocatoria para dita Xornada: “Se realmente queremos atopar a Cristo, é necesario que toquemos o seu corpo no corpo chagado dos pobres, como confirmación da comuñón sacramental recibida na Eucaristía…(nº 3)

Todos deben recoñecer este protagonismo dos pobres na súa liberación, e especialmente os que traballamos entre eles e con eles, se non queremos facelos dependentes e colonizados. É sabio Bieito XVI ó dicir: “Así como a subsidiariedade (protagonismo da persoa e grupos pequenos) sen a solidariedade desemboca no particularismo social, tamén é certo que a solidariedade sen a subsidiariedade acabaría no asistencialismo que humilla ó necesitado”. (Cáritas in Veritate 58)

Antón Negro

Foto: Cathopic.com

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]