Falando Baixiño 140 | 17 de maio de 2017

Vivir a fe en Galicia e en galego

mayo 16, 2017 · 15:53 1

“Dou gracias a Deus polo don de poder estar aquí, nesta espléndida praza chea de arte, cultura e significado espiritual. Neste Ano Santo, chego como peregrino entre os peregrinos, acompañando a tantos deles que veñen ata aquí sedentos da fe en Cristo Resucitado. Fe anunciada e transmitida fielmente polos Apóstolos, como Santiago o Maior, ao que se venera en Compostela desde tempo inmemorial”. [Benedicto XVI falou en galego na súa visita a Santiago de Compostela]

Hoxe, 17 de maio, é o Día das Letras Galegas. Adoito  escribir sempre en castelán, aínda que son galegofalante (non do normativo, senón dunha mestura do galego da Fonsagrada e do de Lugo), pero hoxe, en honor ao día no que estamos, vou escribir a miña reflexión semanal en galego e sobre cousas de Galicia.

As cousas da fe non son alleas á historia de Galicia e menos á nosa lingua: só nos chega ver a importancia do apóstolo Santiago na construción, non só do noso país, senón tamén de toda Europa. Se isto non fora pouco, temos tamén toda a importancia do culto á Eucaristía que aparece no centro do escudo de Galicia, e que tivo a súa orixe na Catedral de Lugo, desde onde sempre se profesou fondamente a fe na presenza real de Cristo na Eucaristía. De Santiago á Eucaristía, pasando polas Cantigas de Santa María de Alfonso X, O Sabio, que fixo rezar á/na nosa lingua.

Santa Maria, strela do dia,

mostra-nos via pera Deus e nos guia.

  

Ca veer faze-los errados

que perder foran per pecados

entender de que mui culpados

son; mais per ti son perdõados

da ousadia que lles fazia

fazer folia mais que non deveria.

Santa Maria, strela do dia,

mostra-nos via pera Deus e nos guia.

  

Amostrar-nos deves carreira

por gãar en toda maneira

a sen par luz e verdadeira

que tu dar-nos podes senlleira;

ca Deus a ti a outorgaria

e a querria por ti dar e daria.

Santa Maria, strela do dia,

mostra-nos via pera Deus e nos guia.

  

Guiar ben nos pod’ o teu siso

mais ca ren pera Parayso

u Deus ten senpre goy’ e riso

pora quen en el creer quiso;

e prazer-m-ia se te prazia

que foss’ a mia alm’ en tal compannia.

Santa Maria, strela do dia,

mostra-nos via pera Deus e nos guia.

(Cantiga 100)

En calquera lugar de Galicia ao que cheguemos é doado distinguir ao horizonte as torres dos campanarios das miles de igrexas e ermidas que temos espalladas por todo o noso terriorio. Só en Lugo, 1139 parroquias e centos de capeliñas, sobre todo nas aldeas das zonas de montaña. Vilas e cidades levantadas ao redor dunha “casa de Deus” ao que tiñan polo veciño máis importante.

Non se pode entender Galicia e a súa lingua sen a centralidade de Xesucristo, a devoción á súa nai, María, e a multitude de festas patronais para honrar aos  santos. Tamén podemos mirar para os nomes das nosas vilas e aldeas e  mesmo a forma que temos de nomear algúns meses do ano: Santiago, Nosa Señora, Santos, San Martiño…

Os tempos foron mudando. Agora todo parece distinto. Quedan os nomes e os costumes, pero quizais só como algo externo que perdeu toda a súa esencia.  De nós, aínda que sexamos poucos, depende que Xesús volva dar sentido a todo aquilo que parece estar sen “sabor”.

Remato parafraseando o anuncio de Gadis: Vivamos como galegos e, recemos como galegos.

San Xoán de Ávila

Como vos dicía a semana pasada, o mércores día 10 celebramos a festividade de San Xoán de Ávila. Foi un día de celebración e convivencia fraterna e sacerdotal.

Ao  mellor, algunhas veces preguntádesvos como celebramos os curas as nosas festas ou de que nos fala o bispo cando está a soas con nós. Non é ningún segredo, por iso hoxe vos deixo aquí os audios cos principais discursos deste día.

1.-A conferencia que nos impartiu o bispo sobre “O don da indulxencia plenaria na Catedral de Lugo”. [Escoitar conferencia]

2.-A monición inicial da misa, na que un sacerdote das vodas de ouro fixo un repaso da historia desde que entraron no Seminario ata hoxe. [Escoitar monición inicial]

3.-A homilia do bispo na misa en honor de San Xoán de Ávila que celebramos na Capela Maior do Seminario. [Escoitar homilía]

4.-A acción de grazas que outro sacerdote homenaxeado fixo ao final de misa. [Escoitar acción de grazas]

Confirmacións

Xa están aí as Confirmacións. O venres ás oito da tarde, o vigairo xeral da nosa diocese, Mario Vázquez, impartirá este sacramento a un grupiño de 15 nenos e mozos da nosa parroquia. Como todos os anos, trátase dun grupo moi heteroxéneo.

Dende aquí, pídovos unha oración por estes rapaces para que poidan perseverar na fe. Vailles facer falta.

No envío da próxima semana, espero podervos poñer algunha foto e o audio da homilía.

Rematando

Hoxe pouco máis teño que contarvos. Non vos esquezades de rezar por algunhas intencións que me chegan cada semana. E lembrade que sigo esperando por máis testemuñas. Remato agradecéndolle a Montse, profesora de Lingua Galega do Seminario, as correccións destas liñas. Hoxe Vanesa puido descansar. Boa semana a todos e “rezade como galegos e, se queredes, en galego”. Miguel Ángel.

Enlaces desde blogs, webs y agregadores:

Enlaces desde Twitter y trackbacks:

Comentarios a esta entrada:

  1. Josefina Varela Lage

    Gracias por recordarnos lo que, tal vez, teníamos un poco olvidado, la centralidad de Jesucristo en nuestras vidas enreiza en la Eucaristía, a pesar de contar con el excepcional privilegio de la exposición permanente del Santísimo en nuestra catedral. Pero la memoria es frágil y necesitamos que nos lo recuerden, de vez en cuando.
    Agradezco al Señor tu generosa entrega sacerdotal y le pido, por intercesión de su Madre y san Juan de Avila, te siga iluminando y bendiciendo.
    Un saludo y gracias

Opina sobre esta entrada:

Al pulsar 'Enviar' aceptas las Normas de Participación. [Abrir emoticonos] [Configura tu icono personal]